O PRIMEIRO XORNAL EN GALEGO

140 anos de “O Tío Marcos d’A Portela”

Cúmprense 140 anos da publicación do primeiro xornal escrito integramente en galego, O Tío Marcos d’A Portela. Publicado en Ourense, o periódico foi fundado por Valentín Lamas Carvajal e supuxo un avance decisivo no impulso da prensa escrita na nosa lingua.

TIO MARCOS DA PORTELA

O 7 de febreiro de 1876 saía á rúa o primeiro número do periódico O Tío Marcos d’A Portela, o primeiro escrito integramente en galego. Comezou tendo unha periodicidade quincenal, mais en poucos meses pasou a ser semanal. Así continuou até a súa derradeira etapa, na que volveu saír cada 15 días.

A súa popularidade na época fixo que se acadasen tiraxes de até 4.000 exemplares, que foron vendidos nas feiras e mediante subscricións tanto na Galiza como alén do Atlántico. Xermolaba así unha escola de xornalismo galego que tivo repercusión en todo o país.

O impulsor e director dos primeiros números de O Tío Marcos d’A Portela foi Valentín Lamas Carvajal, quen tamén dirixiu El Heraldo gallego e El Eco. Lamas Carvajal foi o autor do Catecismo do labrego, que publicou en 1888 en O Tío Marcos d’a Portela. Un ano após, editouno nun volume independente na imprenta de El Eco e recolleu un suceso memorábel. Foi un dos libros máis lidos, editados e recitados da literatura galega.

As tres épocas do xornal

A primeira das etapas comezou o 7 de febreiro de 1876, coa saída do Parrafeo Primeiro. Producíronse algunhas interrupcións até o ano 1880. Foi en 1883 cando comezou a segunda época do semanario, que durou até decembro de 1889 e cuxa principal característica foi a introdución da publicidade en galego. Após dunha longa ausencia, O Tío Marcos d’A Portela volveu saír entre febreiro de 1917 e xullo de 1919 baixo a Dirección de Xavier Prado e mais as Irmandades da Fala de Ourense. Entre os colaboradores desta derradeira época, na que o xornal rexurdiu como voceiro da Irmandades de Ourense, atopábanse López Abente, Losada Diéguez ou Manuel Lugrís.

En total, publicáronse perto de 500 Parrafeos, un número que fixo do xornal a cabeceira máis duradeira da primeira etapa da prensa en galego. A temática centrouse, fundamentalmente, na literatura culta e popular, aínda que tamén se fixo eco das noticias da actualidade. Cun ton reivindicativo, o periódico deulle voz á defensa das clases populares, do galego e da Galiza. Foi contestatario cos abusos do poder e co caciquismo e denunciou as causas da emigración e da fame.

Dan conta da liña reivindicativa de O Tío Marcos d’A Portela as verbas que recollía a súa cabeceira: “Os mandamentos do Marcos fora de eirexa son seis: facer a todos xustiza, non casarse con ninguén, falar o galego enxebre, cumprir co que manda a lei, loitar polo noso adianto con entusiasmo e con fe, vestir calzóns e monteira”.

Lamentabelmente, cando se cumpren 140 anos da publicación do primeiro xornal escrito integramente en galego, tan só fica un medio, Sermos Galiza, que recolle o testemuño daquel impulso á prensa en galego pola que traballou Valentín Lamas Carvajal.

Comentarios