XIII CERTAME GALEGO DE BANDAS POPULARES

Mil trescentos músicos congréganse en Santiago

O XIII Certame Galego de Bandas Populares reunirá no Auditorio de Galiza os días 2 e 3 de novembro 21 formacións de música popular. Esta edición será a máis numerosa e internacional, coa participación de catro agrupacións portuguesas, unha castelá e 16 galegas.

[Foto: cedida] Presentación do XIII Certame Galego de Bandas de Música
photo_camera [Foto: cedida] Presentación do XIII Certame Galego de Bandas de Música

A Federación Galega de Bandas de Música Populares (Fgbmp) organiza na primeira fin de semana de novembro en Santiago o XIII Certame Galego de Bandas de Música Populares. Celebrado no Auditorio de Galiza, será ademais retransmitido en directo a través da canle de YouTube da FGBMP. Esta edición procura avanzar na introdución de bandas doutros puntos da Península, neste caso de Benavente e de Portugal. Así, esta converterase na cita máis internacional até o momento, congregando a 1300 músicos de 21 agrupacións: 16 galegas, catro portuguesas e unha de Castela e León.

Os mestres Frank de Vuyst, Laurence Roman e Luis Serrano Alarcón integran o xurado que escollerá as bandas gañadoras das cinco categorías, podendo así mesmo outorgar en cada sección (agás na infantil) un recoñecemento á mellor interpretación dunha obra galega. Igualmente, continuarase coa distinción instaurada o ano pasado ao mellor director do certame, en colaboración coa Escola Galega de Dirección de Banda, e mais coa última estrutura da competición clasificada nas cinco seccións antes mencionadas: infantil, xuvenil, primeira, segunda e terceira.

As bandas interpretarán un pasodobre de presentación, seguido dunha obra de libre de elección e outra de autoría galega proposta pola organización. As pezas obrigadas desta edición son: “Rapa das bestas”, de Simón Couceiro Riveira, na sección primeira; “A Curuxa”, de José Javier Ces Calvo, na sección segunda; “Memoria da Gallaecia”, de David Rivas Domínguez, na sección terceira; “Paisaxes galegas”, de Frank J. Cogollos Martínez, na xuvenil; e “O pequeno Nicolás”, de José Luís Tielas Santiago, na infantil.

XII Concurso Galego de Composición

Entre as obras de autoría galega de obrigada interpretación, están as premiadas o ano pasado no pasado Concurso Galego de Composición, tamén organizado pola Fgbmp. As gañadoras da actual edición –que se anunciarán durante a cerimonia de clausura– serán estreadas e executadas no Certame de Bandas de Música de 2020. Coa organización destes premios, a FGBMP busca cubrir a escaseza de pezas galegas para seren interpretadas especificamente por este tipo de agrupacións, dispoñendo xa dun amplo catálogo para a súa progresiva incorporación por parte das bandas federadas.

Na presentación do certame a cuarta feira 30 de outubro, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón, e o presidente da FGBMP, Iván Estévez, destacaron o bo momento que están a vivir as bandas na Galiza. O recoñecemento á súa proxección exterior así o demostra, co recente primeiro premio da Banda de Música Municipal de Caldas de Reis no Certame Internacional de Bandas de Música Villa de Aranda ou o da Banda unión Musical de Meaño no Concurso Bandístico Internacional Rival da Garda (Italia).

Comentarios