Nove días de actos en homenaxe á poeta

13 anos sen Luísa Villalta

Foi unha das escritoras chave na transición entre as xeracións poéticas dos 80 e dos 90. Pioneira da virada feminista da poesía galega da época, publicou catro libros. En concreto (2004) no ano da súa morte, 2004. Luísa Villalta tiña entón 47 anos. A Asociación de escritores en Lingua Galega e mais a Alexandre Bóveda inician o sábado 18 de novembro un programa de actos para lembrar a autora de Música reservada (1991): Luísa Villalta e as chaves do tempo.
 

Luísa Villalta
photo_camera A poeta Luísa Villalta. Foto: Xurxo Lobato

A activista cultural María Casar guiará ese día ás doce da mañá un roteiro pola cidade natal de Villalta, A Coruña. Titúlase Roteiro sobre o espello do mar e do vento e transitará "polos espazos que poetizou, porque na súa obra a Cidade faise palabara e reconstrúese como lugar mítico", afirman os organizadores.

Case unha semana despois, sexta feira 24 de novembro, a rota será en bicicleta. Entre as sete e os oito do serán, O meu nome é a Cidade Alta xuntará a quen queira pedalear e, coa poesía de Villalta, "encher de luz os espazos da cidade". Repetirase ao día seguinte, 25 de novembro, sábado. En que, de mañá, haberá outro paseo apoiado nos poemas da homenaxeada: á unha e media, Revolta Literaria "loitará contra o vento do esquecemento".

Pola tarde, ás 18.30 horas no café Monty da rúa do Papagaio, Nacho Pena dramatizará textos de Concerto para un home só (1989), a primeira das catro obras de teatro da autora. Unha hora máis tarde, haberá un recital poético.

A outra gran paixón de Luísa Villalta foi a música. Violinista profesional, fixo parte da Orquestra de Santiago de Compostela e da Xovén Orquestra de Galicia. No seu ensaio O outro lado da música, a poesía (1999) detívose nas relacións entra as dúas prácticas artísticas que determinaron a súa existencia. O domingo 26, na Igrexa das Capuchinas ás 12 da mañá, o Grupo Instrumental Siglo XX intepretará tres pezas: o Adagio de Samuel Barber, o Preludio de Paulino Pereiro e a Arte da Fuga de J. S. Bach. Ademais, falará a poeta Yolanda Castaño.

Luísa Villalta e as chaves do tempo rematará a segunda feira, 27 de novembro, cun Encontro c@s amig@s. Os condutores do acto serán a actriz Flor Maceiras, o músico Xurxo Souto e Teruca Queiro. A maiores desta programación, o café Monty acollerá, desde o 21 de novembro, dúas exposicións: O Papagaio: A poesía de Luísa Villalta e as fotografías de Maribel Longueira, e Eu en nós, unha reintepretación dos seus poemas a cargo de varios artistas.

Amais da AELG e da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, colaboran na organización o Concello da Coruña e mais a Deputación.

Comentarios