12 anos de escravitude: e aínda continúa

Primeira sexta feira de 2014 e primeira crítica de cinema do novo curso. Para unha proposta ben suxerente. 12 anos de escravitude, unha reflexión sobre todas as formas que pode adoptar, onte e hoxe,a opresión.

slave
photo_camera Un fotograma do filme

12 ANOS DE ESCRAVITUDE
Título orixinal: 12 Years a Slave
Ano: 2013
Duración: 134 min.
País: Estados Unidos
Director: Steve McQueen
Guión: John Ridley
Fotografía: Sean Bobbitt
Música: Hans Zimmer
Reparto: Chiwetel Ejiofor, Michael Fassbender, Lupita Nyong’o, Benedict Cumbernbatch, Paul Dano, Paul Giamatti, Sarah Paulson, Alfre Woodard, Brad Pitt

SINOPSE
Solomon Northup (Chiwetel Ejiofor) é un reputado violinista afroamericano nacido libre que vive feliz coa súa familia en Nova Iorque. Tras cear cuns homes que din ter un negocio artístico moi apetecible, esperta nunha cela en Washington. Decátase que foi drogado e que será trasladado ao sur do país onde vai ser vendido coma escravo. Todo esforzo por demostrar que en realidade é un home libre e que foi vítima dun secuestro será en van. Terá que a asumir a súa nova condición se realmente quere sobrevivir, recuperar a súa liberdade e volver estar algún día coa súa familia.

CRÍTICA
Terceira longametraxe do británico Steve McQueen tras “Hunger” e “Shame” que narra un dos momentos históricos máis vergoñentos da historia dos Estados Unidos. McQueen comezou no mundo audiovisual facendo cinema experimental que se proxectaba en diversas galerías de arte. Desta volta tamén produce “12 anos de escravitude” xunto a un Brad Pitt que se reserva, coma non podería ser doutra maneira, un papeliño de home bo e con ideas progresistas, probablemente por propia imposición contractual. Pero iso non estraga o filme porque non aparece demasiado. E ademais o que destaca é, coma sempre, o mao e non o bo. Michael Fassbender é o verdadeiro piar da historia facendo unha interpretación excelente no rol dun violento e sádico terratenente. Tamén fai un bo papel Chiwetel Ejiofor que é o verdadeiro protagonista e sufridor da historia. Un home libre que é secuestrado e, sen poder facer nada, pasa a ser escravo durante 12 anos. Aguanta moi ben o plano. Planos que son ben longos polo gusto que ten McQueen de deixar a cámara fixa durante minutos, tanto en primeiro plano coma en plano xeral, deixando que os actores saquen todo o que levan dentro. Con este recurso, recorrente en McQueen, amosa sentimentos encontrados e deixa fluír as sensacións facendo que o espectador se asome coma se por unha fiestra se tratara e, sen manipulacións nin artificios, faino partícipe da historia. Iso si, por aguantar plano hai algunha que outra secuencia non apta para estómagos ou mentes sensibles.

O filme non trata só da escravitude, senón que reflexiona sobre o baixo que pode caer o ser humano, sen deixar de lado unha crítica profunda aos propios escravos

Completan o reparto o prescindible Benedict “Sherlock” Cumbernbatch; Paul Giamatti, correndo o risco de encadrarse en papeis de tratante de escravos; Paul Dano, facendo de racista recalcitrante; ou Lupita Nyong’o que tamén destaca no papel de escrava favorita do terratenente. Pero a presenza de Fassbender é o que realmente fai gañar enteiros ao filme. Estamos ante unha verdadeira besta da interpretación que actúa desde as entrañas. Ten un par de escenas durísimas nas que realmente mete medo e onde esquecemos o actor e só vemos un home miserable, covarde e cruel co que curiosamente sentimos máis pena que noxo, por un punto humano que Fassbender logra aportar á personaxe con apenas un aceno. Acabamos comprendendo, e case xustificando, por que fai o que fai esa personaxe. Por algo é o actor fetiche de McQueen e actualmente está tan cotizado. Xunto a Fassbender tamén forman parte do equipo “de confianza” do director: Sean Bobbitt (fotografía) e Joe Walker (edición e montaxe). Todos eles formaron parte dos tres filmes que fixo ata a data. Na banda sonora está Hans Zimmer, que aposta por unha música minimalista e non intrusiva que potencia máis se cabe a sensibilidade das imaxes e longos planos do filme. Película aclamada pola crítica e cun palmarés de vertixe, e iso que se acaba de estrear fai nada: Mellor Película no Festival de Toronto, Mellor Director polo Círculo de Críticos de Nova Iorque, Mellor Actriz (Lupita Nyong’o) pola Asociación de Críticos de Los Ángeles, 7 nomeacións nos Globos de Ouro e por riba aparece en todas as quinielas para os premios Oscar.

O filme non trata só da escravitude, senón que reflexiona sobre o baixo que pode caer o ser humano, sen deixar de lado unha crítica profunda aos propios escravos. De feito deixa no ar a dúbida de quén é máis culpable, se os negreiros ou os propios escravos que asumen o seu papel sen apenas chistar. Por desgraza a pesar da distancia en tempo e espazo tampouco estamos moi lonxe do que reflexa o filme. Por mor da reforma laboral, e outras leis restritivas, os traballadores do noso país van perdendo dereitos pouco a pouco. E pouco a pouco o traballador, sen darse conta, vai asumindo situacións que abeiran o escravismo (do capital) ata que non quedan alternativas. A loita obreira parece a saída seguinte, pero o paso colectivo parece ser o paso máis difícil de dar do ser humano, e máis cando están batendo por un con un estado cada vez máis policial. Isto vén a conto porque o momento en que un home perde toda esperanza de liberdade e asume o rol de escravo está reflectido de maneira sublime na película nun longo primeiro plano no que Ejiofor decide unirse ao triste canto dun coro de escravos. Unha película con excelente ambientación, grandes interpretacións e cunha dirección diferente á media que trata o espectador coa intelixencia que se lle presupón. Moi boa elección na actual carteleira.

Comentarios