O filme en galego con máis copias de estrea da historia

11.000 espectadoras no Estado na primeira fin de semana de 'O que arde'

Polas 49 salas de cinema do Estado en que a pasada sexta feira, 11 de outubro, se estreou O que arde pasaron durante a fin de semana máis de 11.000 espectadoras e espectadores. Segundo os datos fornecidos pola distribuidora do filme, Numax, trátase da “segunda mellor estrea independente” e o “sexto mellor promedio absoluto por copia” desde a sexta feira.
foto estrea o que arde
photo_camera Imaxe dunha proxección de 'O que arde' a pasada fin de semana, presentada polo propio director, Oliver Laxe. Foto: Numax Distribución.

O terceiro filme de Oliver Laxe, premiado cunha das principais distincións no último Festival de Cannes, só se exhibe en versión orixinal en galego con opción de subtítulos ben en catalán, ben en castelán. E é xa o filme en galego “con máis copias en semana de estrea” no Estado español.

O propio Laxe acompaña estes días as proxeccións en distintas cidades e vilas galegas, presenta o filme e préstase ao coloquio coa audiencia.

Comentarios