Cen anos do pasamento de 'Chané', un dos músicos máis importantes da nosa historia

Un 18 de xaneiro nacía hai 161 anos un dos nomes máis importantes da música galega, José Castro González, máis coñecido como 'Chané'. E a semana vindeira cúmprense 100 anos do seu pasamento na Habana. O Ateneo de Santiago lembra a súa figura cun concerto. 

chane
photo_camera José Castro González, 'Chané'

O día 17 de xaneiro é un día de conmemoración para a música galega. Esta data será para sempre recordada polo nacemento de José Castro González, máis coñecido como ‘Chané’, do que se cumpren 161 anos. O santiagués será sempre lembrado pola súa arte coa guitarra e a cítara, o que o levou, entre outros proxectos, a ser director do Orfeón coruñés ou da Coral Polifónica El Eco.

O Ateneo de Santiago rememorará a unha das figuras musicais de Galiza para conmemorar o centenario da súa morte na Habana, que tivo lugar o 27 de xaneiro de 1917. Para iso, a asociación ten preparado un concerto no Paraninfo da Facultade de Historia da USC para o segunda feira 30 de xaneiro ás 20 horas.

Nese evento dedicado a Chané, no que participarán a mezzosoprano Iria Cuevas e o pianista Alejo Amoedo xunto ao coro do Ateneo, poderanse escoitar tres textos de Curros Enríquez musicados polo autor. Na cita soarán ‘Os teus ollos’, ‘Cantiga’ e ‘Un adiós á Mariquiña’. Tamén serán interpretadas tres pezas do compositor e instrumentista lucense Juan Montes baseadas en ‘Lonxe d’a terriña’ de Aureliano J. Pereira, ‘Doce sono’ e ‘Negra sombra’ de Rosalía de Castro.

Segundo o Ateneo, José Castro ‘Chané’ foi o terceiro membro da grande triada de músicos emblemáticos da Galiza exterior e interior, xunto a Juan Montes e Pascual Veiga.

Segundo o Ateneo, José Castro ‘Chané’ (Santiago, 1856 - La Habana 1917) foi o terceiro membro da grande triada de músicos emblemáticos da Galiza exterior e interior, xunto a Juan Montes e Pascual Veiga. ‘Chané’ foi fundamental nos círculos ferrolanos e composteláns, e recordado como profesor de guitarra e director da orquestra de pulso e púa, compoñendo pezas propias. Sería tamén experto e mandolina e mandurria, ingresando na banda do Regimiento de Artillería da Coruña, onde xunto a Bernardo Noriega completa a súa formación musical. 

Dirixiría orfeóns como o da Coruña ou El Eco, grupo de referencia obtendo recoñecementos en Barcelona, Madrid ou París. Marcharía á Habana no 1893, reclamado polo Centro Galego, onde se encargará do coro Ecos de Galicia. Alí sería secretario do propio Centro e da Sociedad Protectora de la Academia Gallega. Non conseguiría volver a Galiza, xa que finou na Habana o 27 de xaneiro de 1917. Os seus restos descansan na Coruña.

O Centro Galego da Habana decidiu custear o transporte dos seus restos mortais a Galiza, a onde chega, o 4 de marzo de 1917, acompañado por Fontenla Leal. Ao día seguinte, José Castro González recibe sepultura con todos os honores, á beira da tumba de Curros Enríquez, no cemiterio coruñés de San Amaro. Aquí poden consultar a crónica do seu enterro no Boletín da Real Academia Galega, e aquí a noticia que dá Antón Villar Ponte deste mesmo suceso e outros, n´A Nosa Terra.

Comentarios