10 series de debuxos en galego para que as crianzas miren durante o confinamento

As horas de confinamento dan para  moitas cousas, en especial nos fogares con nenos e nenas. Unha das opcións para facerlles máis soportábel o encerro son as series de debuxos animados. Destacamos as nosas 10 favoritas para a rapazada. 

Captura
photo_camera O Xabarín leva sendo fonte de entretemento para as crianzas galegas desde hai 26 anos. (Foto: Nós Diario).

As horas pasan lentas durante o encerro, en especial nos fogares galegos con nenos e nenas. Unha das opción para facerlles máis soportábel o confinamento son as series de debuxos animados.

O Xabarin Club, que o pasado ano 2019 celebrou o seu vixésimo quinto aniversario, conta cunha ampla oferta de programas para que as máis peques da casa poidan entreterse no noso idioma e de forma gratuíta, a través da súa canle de Youtube e do seu portal na internet, Xabarin.gal. Entre todos eles, destacamos as nosas 10 favoritas:

10. Braulio Tuber: Dentro da moda dos youtubers, o Xabarín non podía quedar atrás, e coa axuda de Braulio, un dos personaxes de Os bolechas, visita escolas de distintas vilas de toda Galiza.

9. Wolverine e os X-Men: Marvel leva á animación unha nova versión das aventuras do equipo de superheroes creados por Stan Lee

8. As aventuras de Minchi: Producida pola propia Televisión da Galiza, o programa narra a vida de Minchi, unha cría de lagarta coqueta e divertida que soña con ser artista que, ademais, é a mascota de Dani, un neno de 7 anos que adora os réptiles.

unnamed

7. Os vixiantes do Camiño: Creada por Miguelanxo Prado e Suso Iglesias, está protagonizada pola mascota do programa e inspirada no Camiño de Santiago, presentando en clave de humor unha crítica ás corporacións multinacionais e unha promoción da conservación do patrimonio, sendo unha das producións galegas pioneiras no uso da animación convencional 2D.

6.  Os Axóuxeres: Conta a historia dunha divertida familia de monecos que vive nunha mesa no dormitorio dun neno e que está formada polos pais (Lúa e Antón), tres fillos (Iria, Xan e Pelouro), un amigo dos rapaces (Moncho) e R01 (Roi), un extraterrestre acabado de chegar á Terra. Producida por Área 5.1 Factoría Audiovisual, esta serie está especialmente desenvolvida para fomentar a creatividade en galego das crianzas entre 0 e 6 anos.

unnamed

5. Cocorico: Cocorico é un pitiño curioso, rebuldeiro, inocente e bo; algo testán e con ganas de aprender e probalo todo. Na compaña da súa panda: o porco Comechón, a ovella Vellocina, o rato Mus ou o pato Cuá vive numerosas aventuras nas que non sempre é doado atopar o camiño axeitado a seguir. Mais para iso están Mamá Galiña, Don Cadelo, o galo Crechas e a carteira Tartaruga, que tratarán de que Cocorico aprenda o que é a vida e estea seguro fronte as trampas, perigos e estrataxemas que os malvados Gato Pelado, raposa Vulpa e o gavián Voraz, crearán para poder papalo. 

4. A tropa de trapo: Protagonizada por Mumu, Rita, Milo, Talalo, Olga e Alfred, conta as divertidas aventuras dun grupo de mascotas de trapo baseadas na longametraxe de factura galega do mesmo nome. Está orientada a un público entre os 3 e os 7 anos

3. Caracois: Realizada a través da técnica stop-motion, está dirixida a un público de entre 2 e 4 anos de idade, reflectindo en cada capítulo -de seis minutos de duración- como Caracol e Caracola descobren no seu xardín sorpresas e emocións polos misterios que depara a natureza e o mundo.

811744

2. Os Bolechas: Os Bolechas son, desde hai 20 anos, a revelación editorial na Galiza e, á súa vez, os protagonistas da máis importante e afamada serie da nosa literatura infantil. Con máis de 400 títulos publicados e preto de 1.500.000 exemplares distribuídos, causan furor e contan cunha verdadeira lexión de seguidores entre as máis pequenas, o que os converteu nun auténtico fenómeno cultural galego.

1. As cancións do Xabarín: Denominadas oficialmente Xabaclips, o Capitán Araña dos Def con Dos; Socio, busca un socio do Vello Almorth; Estou na lavadora, de O Caimán do Río Tea; ou Que calor! das Aerolíneas Federales, que xa fixeron as delicias dos seus pais e nais hai 25 anos, fascinarán á rapazada de hoxe.  

Comentarios