As 10 citas culturais que non podes perder neste 2017

Facemos un repaso polos acontecementos culturais previstos para este 2017 e aquí vos presentamos unha escolla deles. É unha listaxe subxectiva, coma todas, pero podedes facer as vosas propias achegas nos comentarios. 

mimosas
photo_camera Fotograma de 'Mimosas', de Oliver Laxe

Aínda saíndo dos excesos do Nadal -pouco produtivo en materia cultural fóra de estreas de cinema e espectáculos infantís-, facemos unha nova escolla do que non podedes perder este ano. Esqueceremos cousas seguro e outras moitas aínda non son públicas, pero velaquí unha listaxe que vos podería ser útil: 

1.  ‘Mimosas’, o filme de Oliver Laxe que gañou o premio da Semana da Crítica de Cannes. E xa está nas salas de cinema!

2.  ‘A cabeza do dragón’. Hai que celebrar a primeira montaxe (legal) de Valle-Inclán en galego, logo de que se extinguisen os dereitos de autor, o que pon fin á prohibición da familia. Estréase o 1 de marzo… e diríxea Quico Cadaval!

3.  Escoitar o novo disco de Mercedes Peón, que leva sen publicar novos temas desde 2010. Promete que sairá na primavera.

4.  Atención, volve escribir (publicar, queremos dicir) Lupe Gómez, unha imprescindible. Aparecerá en breve en Chan da Pólvora. E Suso de Toro, que regresa a Xerais cunha novela a finais de ano na que teima sobre un enfoque: alguén que viaxa ao seu pasado. 

5.  Verán a luz dúas biografías moi agardadas: a de Rosalía de Castro (un primeiro volume a cargo de Chus Lamas) en Galaxia, e a de Manuel Antonio, da man de Xosé Luís Axeitos en Xerais.

6.  'Alén dos xéneros' no MARCO de Vigo, unha mostra colectiva con máis de 50 artistas, comisariada por Anxela Caramés, na que se revisarán por primeira vez comportamentos artísticos feministas e de xénero en Galiza desde os anos 80. Inaugúrase o 27 de xaneiro. 

7.  O Festiletras de Ponteceso, probablemente o maior festival dedicado á cultura galega, que este ano se lle dedica a Pondal no centenario do seu pasamento.

8.  O Encontro de Embarcacións Tradicionais, que desta volta se celebra en Combarro do 28 de xuño ao 2 de xullo. A maior festa do mundo do mar (bianual). 

9.  A homenaxe a Fran Pérez ‘Narf’. Isto non é un evento, máis ben unha esperanza. E, abusando, unha petición: que se reediten os discos que non están accesibles ao público. 

10.  E un desexo: que o Ano Casares, o Ano Maruja Mallo, o 40 aniversario do Museo do Pobo Galego, o Ano do Patrimonio (que celebra a Deputación de Pontevedra) e a décima edición do Culturgal nos traian cousas extraordinarias. 
 

Comentarios