Os 10 acontecementos do ano na cultura galega

Nós escollemos estes, pero houbo moitos máis. Vós podedes facer as vosas propias achegas nos comentarios.

- O fracaso do Ano Filgueira. Pasou sen pena nin gloria. E iso no mellor dos casos. Colleitou máis polémica que interese pola súa obra. Mentres, os/as académicos da RAG, elixiron a Manuel María para 2016.

- O ano Ledicia Costas. Acadou case todos os premios posibles con varias das súas obras, como o Lazarillo ou o Premio Nacional de Literatura Infantil por Escarlatina. A cociñeira defunta, que segundo César Lorenzo Gil xa é un clásico. O seu editor, Manuel Bragado, afirma que “se confirma como unha das escritoras galegas de referencia nesta segunda década do século XXI”.

- A morte de Neira Vilas. O seu pasamento consagrouno como unha das figuras da nosa cultura de todos os tempos. Este ano tamén despedimos a María do Carme Kruckenberg, Xosé Fernández Ferreiro, Luís Rei ou Xosé Chao Rego. 

- Explosión da música para nenos. Este ano saíron ao mercado ducias de proxectos destinados ao público infantil, que non só se confirma como un nicho de mercado senón que se converte no sector que mellor resiste a crise da música. 

- Volve con forza o ‘trad’ galego. Eis a irrupción forte dunha eterna promesa, Davide Salvado, e a consolidación de Xabier Díaz como artista en solitario. 

- O éxito de El Desconocido. Un filme de acción rodado nas rúas da Coruña, dirixido polo monfortino Dani de la Torre, protagonizado por Luís Tosar e producido por Emma Lustres. Con absoluto éxito nos cines de todo o Estado e as chamadas de Hollywood para o director. Mágoa de (non) versión en galego. 

- Un poeta deputado no Congreso. O escritor e editor -ademais de colaborador do Sermos- Miguel Anxo Fernán Vello é o primeiro en acadar unha acta para o Congreso rompendo o control do bipartidismo na provincia de Lugo.

- José Suárez e Virxilio Viéitez. Dúas grandes expos réndenlle homenaxe a estes dous referentes da fotografía galaica, a do primeiro no Gaiás e a do segundo no Museo de Pontevedra

- Despedida de Das Kapital. Nunca foron un grupo de masas, pero sempre estiveron na vangarda. E este ano deixaron orfos aos seus fans logo de publicar un terceiro disco que comeza co recitado de artigos da Constitución Francesa de 1793 e remata cun aviso de incendio. 

- Renovación en Escena Galega. Houbo cambio xeracional na asociación que xunta as compañías de teatro e agora pertencen a ela o 90% delas. A xente nova colleu os mandos da nave.

E, como bonus track, a irrupción de Aki Kaurismaki no Curtocircuíto pedindo a independencia de Galiza. :)

Comentarios