“1 faba, 1 vida”: simbiose de poesía, música e corporalidade

Este sábado, Ugia Pedreira e Marina Ourol ofrecen unha performance no espazo Caritel, na parroquia focense San Martiño de Mondoñedo

Ugia Pedreira e Marina Oural, 1 faba 1 vida
photo_camera Ugia Pedreira e Marina Oural

A performance como un xogo improvisado entre dúas personalidades, como unha procura do asombro do público e a participación deste. Isto poderán presenciar aquelas que acudan este sábado ao espazo Caritel. A Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento organiza este evento, con aforo limitado para 20 persoas, que comezará ás seis da tarde cunha visita á exposición do escultor Caxigueiro e máis ao xardín botánico. A entrada, que pode ser reservada a través dos teléfonos 627 93 43 68 ou 658 79 23 10, custa 15 euros.

Marina Oural máis eu indagamos na prosodia da poesía-música e se temos ese milímetro de provocación sería a a naturalidade e a sinxeleza, facendo como ben podemos que o palco perda a súa verticalidade e se dilúa coa vida nunha transparencia emocional”, explica Ugia Pedreira sobre a performance, programada para as oito da tarde. A peza escénica xa foi representada perante audiencias de Santiago de Compostela, Allariz, Vilar de Santos, Lourenzá… e a propia artista conta que esta evoluciona tamén grazas a elas.

Pedreira lembra, por exemplo, como a estrea tivo lugar nunha carpintaría de ribeira en Roche Bernard, na Bretaña francesa. “Foi entre bretóns que non entendían o galego, evidentemente, mais que comprenderon toda a esencia da proposta artística”, sinala. En definitiva, os públicos son tamén “artistas, e relacionámonos con esa consciencia. Facemos poemas, cancións, coidámonos e coidámolos”, di. En cada representación está sempre presente a faba loba, o seu “talismán, que estaba ao pé das casas antes do descubrimento de América que promete soños, que ten poderes e que alimenta moitas bocas”.

O espazo da aldea como lugar común á infancia e a sabedoría popular é un dos nexos comúns con Marina Oural, compañeira de viaxe nesta travesía artística. “As dúas vimos dunha infancia e adolescencia moi semellante, e criámonos nun mesmo imaxinario. a sedución dos bailes, a relación coa horta, as palleiras, o horizonte da Mariña e os vales…”, relata Pedreira sobre a súa compañeira artística. A cantante comenta tamén que "a admiración bondadosa e a falta de competitividade fan que poidas traballar a niveis com profundos con alguén, desde a dor e a ferida".

Vida alén da autopista Ferrol-Vigo

“Un espazo de arte contemporánea no rural é, cando menos que un atrevimento, unha inconsciencia ou un grande adianto”. Así define Ugia Pedreira o espazo Caritel, un edificio que acolle a exposición permanente do escultor Caxigueiro e, nos seus exteriores, un “Serralves en pequeno” cun xardín que conta con centos de variábeis de hortensias, camelias e fentos. O lugar está localizado na parroquia focense de San Martiño de Mondoñedo, que apenas chega aos 600 habitantes. "Fóra da autopista Ferrol-Vigo, na periferia, hai tamén vida", sinala Ugia Pedreira, quen cita o director da Binaural de Nodar, Luis Gomes, para apoiar que as artes no medio rural "deben contribuir para a creación dun aparello teórico e crítico e para o desenvolvemento dunha nova estética rural que sexan capaces de interrogar as ideoloxías dominates que actualmente conducen as políticas rurais, agrícolas ou da paisaxe".

Comentarios