“Ti tes a chave” do programa do Culturgal en Pontevedra

O anuncio fala dunha romaría cltural de tres días en Pontevedra. Culturgal xa ten programa para a súa nova edición que terá lugar o 30 de novembro e o 1 e 2 de decembro en Pontevedra.
Imaxe do Culturgal
photo_camera Imaxe da anterior edición de Culturgal

Como “gran casa da cultura” preséntase o que desde as industrias culturais é xa considerado o grande escaparate da nova producción galega. Coa lenda “Ti tes a chave”, fíxose publica a programación da nova edición da Feira das Industrias Culturais que levará á cidade do Lérez as novas propostas e iniciativas da nosa cultura. Serán máis de 140 actividades as que se incorporen ao programa, 83 para público xeral, 28 para familiar e 26 para profesional. Por disciplinas, 35 relaciónanse coas artes escénicas, 31 coa música, 28 co libro, 10 co audiovisual, 10 con TIC e 23 incorporan varias disciplinas.

Concertos e actuacións teatrais gratuítas, presentacións de libro, debates ou faladoiros de iniciativas compoñen un amplo programa que se desenvolve nos diferentes espazos, o patio, o garaxe, o salón, o cuarto das crianzas, o estudo e o auditorio desta “casa” da cultura galega.

Cunha especial dedicación á programación familiar -verdadeiro éxito de púlbico na anterior edición- polos diversos escenarios do Culturgal pasarán as compañías de teatro, os grupos musicais ou as editoriais con producción para o novo público da cultura galega.

Sexta 30 de novembro, e a fin de semana do 1 e 2 de decembro, Pontevedra é a cita para coñecer o que se move na cultura, desde libros como os novos de Manolo Rivas, Aurora Marco, María e Manuel Lourenzo ou Ramón Caride, até discos como o do décimo aniversario de Ponte nas Ondas, Xoán Curiel, ou Silvia Penide, pasando por iniciativas como a presentación do Womex 2014 por parte de Vítor Belho, un proxecto de banda deseñada dixital, a guía social da cultura ou varias actividades arredor de Vidal Bolaño.


Para a xente miúda, no “cuarto dos nenos” o programa vén completo, Boabab Teatro, Fantoches Baj ,Viravolta, Babaluva, ou mesmo o programa Ponte nas Ondas en Directo.

Encontros con editor@s, autor@s, creador@s de banda deseñada ou conversas dinamizarán a programación da feira. Pódese consultar o programa completo na súa páxina. A organización de Culturgal corre a cargo dunha entidade de que forman parte as asociacións profesionais dos distintos sectores da cultura,  Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).


Comentarios