Premio Vidal Bolaño ao blog “De volta para Loureda”

O blog “De volta para Loureda” da Rede de apoio a Carlos Calvo vén de ser gañador da décima edición do Premio Roberto Vidal Bolaño, das Redes Escarlata.

Cabeceira do blog De volta para Loureda
photo_camera Cabeceira do blog De volta para Loureda

Un xuri nomeado polas Redes Escarlata e composto por Xosé A. Laxe, Antón Dobao, Francisco Fernández Rei, Lourdes Pérez, Luz Fandiño, Xosé Luis Santos Cabanas e María Martínez Clavell con Xosé Luis Méndez Ferrín como secretario decidiu por unanimidade conceder o Premio Roberto Vidal Bolaño na súa décima edición ao blog “De volta para Loureda” ao se tratar dunha reflexión colectiva sobre “os presos nacionalistas galegos cuxa situación é contraria ás garantías ás que todos”as os/as Humanos/as teñen dereito”, segundo consta na acta.

 

Da “Rede de apoio a Carlos Calvo”, o blog “De volta para Loureda” recolle artigos e outras colaboracións dun amplo abano de persoas arredor da situación dos presos políticos galegos nas que se repita a reclamación da súa volta para o país. Entre as últimas sinaturas que participaron atópanse Marcos Seixo, Samu L. Paris, Luz Fandiño, Mª Xosé Bravo, Xosé Manuel Pereiro, Charo Lopes, Antón Dobao ou Héitor Picallo. Publícanse tamén os artigos de Carlos Calvo escritos desde a prisión.

A Redes Escarlata crearon o Premio Roberto Vidal Bolaño hai dez anos co obxectivo de recoñecer a figura do home de teatro ao que se lle dedica este Día das Letras Galegas, ligando a iniciativa co “acontecemento histórico da Comuna de París, o primeiro goberno proletario da historia”. Desde o propio xurado, destacan o labor desenvolvido polo propio Roberto Vidal Bolaño na defensa dos presos políticos galego e, en especial, contra a política de dispersión. 

 

Comentarios