"Os fillos do mar" revalida éxito co San Clemente

O escritor Pedro Feijoo conseguiu que a súa primeira novela fora un fenómeno editorial, con cinco edicións nun ano e a tradución posterior ao español por Planeta. O premio San Clemente revalida agora o éxito de “Os fillos do mar”.

Pedro Feijoo
photo_camera Pedro Feijoo

Con Os fillos do mar (Xerais) Pedro Feijoo faise agora co Premio San Clemente de novela, outorgado por un xurado novel de mozos e mozas do ensino medio que recoñeceron canda el a obra de Arturo Pérez-Reverte, El tango de la guardia vieja en lingua española e a obra do grego Petros Márkaris, Liquidación final, como novela orixinal nas outras linguas. 

Da obra de Pedro Feijoo destacou o xurado composto por trinta estudantes de distintos institutos, a entretida historia que narra, a facilidade da súa lectura e mesmo o humor que se recolle na escrita. Coa súa primeira novela, Pedro Feijóo pasou ao primeiro plano do mundo editorial e mesmo levou a que no noso panorama literario se volvera falar de best sellers. De Os fillos do mar publicáronse cinco edicións no primeiro ano e, singularmente, conseguiu a atención da editorial Planeta que apostou pola súa tradución ao español. A  primeira edición agotárase en apenas cinco semanas. O autor ten xa rematada a segunda novela que sairá publicada no outono. 

"En outono verá a luz a súa segunda novela"

“Os fillos do mar é unha novela moi sinxela, cunha linguaxe coidada, para que en ningún momento un lector medio teña que ir ao dicionario. A linguaxe en aparencia casual é moi consciente. Por razóns persoais vou moito a Barcelona, e o que me chama sempre a atención é que nos transportes públicos, no metro ou no autobús, máis da metade das persoas van lendo un libro. Se botas un ollo aos títulos, ves que a xente se engancha a literatura accesíbel, fácil, rápida. Os nosos escritores estaban, maiormente, de costas a esta actitude” explicou Feijoo nunha entrevista publicada no semanario Sermos Galiza. “Non pretendo descubrir o sentido da vida; non é a miña intención. Propuxen pasalo ben, que a compaña do libro fose amena e entretida” sinalou, o que deu resultado tamén coa mocidade que o premia agora co San Clemente. 

Comentarios