“O mundo segundo Rosalía” pecha a semana cultural en Solfa

A obra teatral “O Mundo segundo Rosalía” do Grupo de Teatro da Sociedade Cultural “Medulio” de Ferrol, dirixida por Francisco Rodríguez e o concerto do coro e a banda da entidade porá fin a unha semana con conferencias, música e teatro da Asociación Cultural-Musical Solfa en Compostela. 

Grupo de Teatro de "Medulio"
photo_camera Grupo de Teatro de "Medulio"

A formación musical é o cerne da Asociación Cultural-Musical Solfa que leva desenvolvendo actividades en Compostela desde o 1997 e conta cunha banda de música e un coro xa de referencia para a entidade. Como cada ano, o peche do curso desenvólvese cunha semana cultural na que, alén da música,teatro e conferencias completan o programa. O peche virá dado o venres día 28  por “O Mundo segundo Rosalía”, a representación teatral baseada na obra da escritora do Grupo de Teatro da Sociedade Cultural “Medulio” que ten, ademais, a particularidade de estar dirixida polo investigador da obra rosalián Francisco Rodríguez. Na mesma xornada subirán ao escenario coro e a banda de música da entidade, dirixidos por Francisco Tobar e Fernando Rey Mayo. 

A conferencia do secretario nacional da CIG-Ensino e membro da Plataforma Galega en defensa do ensino público, Anxo Louzao “A LOMCE: un asalto á educación pública” toma parte do programa do xoves 27 de xuño canda a música que virá da man do piano e a percusión da man de alumnado e tamén profesores da escola musical. Mozart, Händel, Beethoven e Reicha comporán o programa do mércores no que se poderá comprobar o resultado dun curso de traballo e formación arredor da música. 

Comentarios