Fran Jaraba: “O cómic segue a ser esa expresión que sae da alma mais é difícil que sexa rendible”

A derradeira semana de maio, División Azul, a nova obra do vigués Fran Jarabá, verá a luz nas tendas do estado español de man de Edicións de Ponent. Pola súa banda, Xerais prepara a edición en galego deste cómic no que o espionaxe, o amor e a militancia política impulsan un periplo pola Europa convulsa da Segunda Guerra Mundial.

Jaraba

A través de Santi, un estudante de Medicina da cidade de Compostela, Jaraba nos introduce nunha trama de espionaxe. Para servir á causa comunista e vingar a morte do seu pai, asasinado no 36 a mans dos fascistas, o mozo galego terá que se infiltrar na División Azul para facer chegar a Moscova a receita da bomba atómica.

-Por que ambientar a obra na II Guerra Mundial?

Amais de parecerme un tema atractivo, constatei que a participación de España na Segunda Guerra Mundial era un feito pouco coñecido. É verdade que agora hai algunhas películas e algunhas novelas que versan sobre o tema. Porén, cando eu comecei este proxecto, hai preto de 3 anos, había moi poucas obras ambientadas na División Azul.

-Unha misión de espionaxe na Europa da Grande Guerra… Semella unha trama de Alfred Hitchcock.

Malia que a temática ten que ver, o lector verá que propoño outro tratamento, vencellado a unha realidade histórica moi próxima á nosa como é o caso da represión que na Galiza houbo na Guerra Civil. Porén, a respecto da ideoloxía que a historia asume, cada lector sacará as súas propias conclusións. O que se pretende é contrastar e discutir as distintas correntes políticas. Naquel momento había tres ideoloxías no mundo e dúas delas caeron, a fascista e a comunista. Malia que non desapareceron de todo, non son o modelo prestixiado hoxe en día, cuxo espazo ocupou unha terceira: a democracia estándar occidental e a economía de mercado. Cada lector extraerá a súa lectura, no entanto acho coma Churchill que a democracia é o peor dos sistemas se exceptuamos todos os demais, a pesar dos moitísimos problemas que presenta e que hai que afrontar con urxencia.

-O protagonista terá que se infiltrar na fronte oriental sendo militante comunista. Por que facer durmir o lector co inimigo?

Esta situación produce moita tensión porque o protagonista ten de ocultar a súa ideoloxía. Pasa día tras día cantando o Cara al sol e isto fomenta a intriga. Alén diso, prodúcese un contraste atractivo porque el tamén reflexiona nas conversas cos seus compañeiros. Hai moitas sutilezas ideolóxicas. Amais, a nivel humano, o protagonista sae transformado coma case sempre sucede nestas historias. En definitiva, ademais das aventuras, Santi experimenta unha viaxe interior que o fará pensar moito, dende o punto de vista emocional e ideolóxico.

-O estudante de Medicina atopará no seu periplo un antigo amor. Malia se inclinar polas aventuras bélicas sempre integra unha historia amorosa.

[Ri]. Si. Imos ver. Se só introduces guerras, a historia fica limitada a un xénero moi determinado polo que grande parte do público fica fóra. No entanto, engadir doses de amor e unha intriga de espionaxe é unha forma de abrir o abanico e cativar outros lectores. E non falo precisamente de mulleres, xa que hai moitos homes aos que non lles gustan as historias puramente bélicas. Moitas veces adóitase relacionar as temáticas amorosas co público feminino, mais este estereotipo non sempre se cumpre.

-Un xornal otorgoulle o mérito de inaugurar un xénero na BD galega ao publicar unha novela gráfica de corte histórico e realista na lingua propia.

Cando fixen os tres albumes ambientados na Guerra de Cuba (Cita na Habana no ano 2000, Campos de Cuba no 2004 e Terra Libre no 2008) non pretendía ser o primeiro de nada. Simplemente, apeteceume e comecei a miña inmersión dende a ilustración ao mundo do cómic con esa temática. O xénero histórico de corte realista é moi cultivado en Francia pero en España, e nomeadamente na Galiza, hai moi pouco, sobre todo de calidade. Existen maioritariamente proxectos históricos financiados polas administracións pero, de produción persoal é libre, a súa presenza é moi limitada. Canto a miña triloxía sobre a Guerra de Independencia, teño que dicir que sempre estiven moi fascinado por Cuba, a onde viaxei varias veces. Con este país sucédeme algo semellante a cando a Alicia de Lewis Carroll cruzaba o espello, trasládome a outra dimensión. Cuba é o sur que temos nós.

- Antes de dar o salto ao cómic, ilustrou obras de escritores galegos como Darío Xohán Cabana, Agustín Fernández Paz ou Xabier P. Docampo. Que supuxo este cambio?

Esta experiencia marabillosa de máis de 20 anos centrados na ilustración valeume como piar e aprendizaxe para logo facer cómic a partir de finais dos 90. No entanto, este salto implicou unha liberdade total porque na banda deseñada o autor é o creador absoluto. Es o guionista, iluminador, director de fotografía e vestiario e mesmo director de actores. É un traballo moi bonito, neste senso, porque manexas todas as variables da historia.

-Nos seus inicios coincidiu con autores como Miguelanxo Prado e Xan López Domínguez xunto os que editou o fanzine Xofre, pioneiro na BD galega . Como evolucionou o sector dende aquela?

A banda deseñada galega tivo un momento moi bonito, a finais dos 90 e nos primeiros anos do novo milenio, con Golfiño. Esta publicación supuxo todo un fito na historia da banda deseñada do país, alén de ser un auténtico criadeiro para autores actuais coma David Rubín. Foi o momento no que se rozou a profesionalización dos creadores, sendo que había un encargo de páxinas periódicas ao longo das súas dúas etapas de vida, a de Xerais e a de La Voz de Galicia. No entanto, hoxe en día, en comparación co 79 cando saíra o Xofre, non hai un grande avance. Canto ao número e calidade de autores e publicacións, a banda deseñada galega está nun momento extraordinario pero, no referente á profesionalización, segue a ser moi difícil comer do cómic. Doutra banda, as ventas en lingua galega son moi limitadas e moitos autores teñen que publicar para o mercado español ou incluso para os estranxeiros. Neste senso, cómpre nos diversificar para podermos sobrevivir. Con todo, hai que recoñecer a existencia de editoriais que están a facer un labor moi meritorio a prol da banda deseñada en galego como El Patito, Demo Editorial, Toxosoutos ou Xerais.

-O primeiro número de Xofre vendérano polas rúas de Compostela no Día das Letras Galegas de 1979. Máis de 30 anos despois, que sensacións lle evoca ese período, precariedade ou a ilusión dos comezos?

As dúas cousas. Había moita ilusión xa que, no comezo da democracia, todo o mundo estaba ilusionado con todo. Pero a precariedade era moi grande, por suposto. Daquela editar era moi caro cando hoxe en día sae relativamente barato e non existía a informática, polo tanto, a difusión era moi custosa. Porén, o progreso tecnolóxico carrexou moita competencia para a banda deseñada quer cos videoxogos quer con internet e as redes sociais. O cómic segue a ser esa expresión persoal e testemuñal feita porque che sae da alma pero problemática para facela rendible.