"Infiltrados" de Alfonso Eiré, o máis vendido para o Caderno da Crítica

Cada quince días, o crítico Ramón Nicolás publica no seu Caderno da Crítica, o "Taboleiro do libro galego" a listaxe dos libros máis vendidos da quincena, elaborado segundo o informe de venda de dezaseis librarías. Nesta última, Infiltrados, de Afonso Eiré, encabeza a listaxe. 

Afonso Eiré
photo_camera Afonso Eiré

A novela sobre a historia recente do nacionalismo, Infiltrados, de Afonso Eiré, está na cabeza de libros máis vendidos da quincena que vai do 26 de maio ao 8 de xuño encabeza a listaxe de libros máis vendidos, na sección de narrativa, no blogue Caderno da Crítica, de Ramón Nicolás, un referente de información e crítica literaria que a cada pouco máis se converte nunha plataforma de consulta obrigada para coñecer o panorama literario contemporáneo, alén de seccións anovadoras como o arquivo de textos manuscritos que atesoura o blogue. 

Cada dúas semanas, Ramón Nicolás confecciona no seu blogue unha listaxe de vendas de todos os xéneros literarios cos datos que recibe de dezaseis librarías espalladas por todo o territorio o que fai que sexa máis completa e a que máis se pode aproximar á realidade das que se elaboran nos medios de comunicación. 

Faneca brava, de Manuel Portas (Xerais) ocupa o segundo lugar, diante de Winnipeg de Hixinio Puentes (Xerais) que está no terceiro posto nunha lista na que se mantén como cuarto Morgana en Esmelle de Begoña Caamaño e incorpora no quinto unha tradución, a da Pastoral americana de Philiph Roth que publica Faktoría K con tradución de Fernando Moreiras. 

Crianzas por toda parte

Un rato díxolle á lúa, a antoloxía poética de Antonio García Teijeiro preparada por Fran Alonso para Xerais encabeza a relación de poesía para seguir Carlos Solla con ReGaliza e outras chuches (Barbantesa) e Resina de poliéster de Correa Corredoira. 

Inmateriais de Suso de Toro é o primeiro do apartado ensaio-teatro que continúa con Roberto Vidal Bolaño como protagonista, coas Obras Completas de Positivas de segundo e  o ensaio Un chapeu negro e un nariz de pallaso de Montse Pena e Gonzalo Enríquez de terceiro para rematar con Morreu o demo, acabouse a peseta de Tintimán Audiovisual, a historia de Barriga Verde.  

Universo Pitágoras, de Rocío Leira (Biblos), Endogamia 0.2 de Ramón Caride (Xerais), Flor de area de Manuel Lourenzo (Xerais) e Reckless. Vida nas sombras, de Cornelia Funke compoñen a lista de infantil, que podería continuar en Album ilustrado, que recolle tres libros-cd para as crianzas, Rosalía pequeniña de Uxía, A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco e Bicos de Música, de Mamacabra. 

Comentarios