“Has de cantar” en todas as voces dun colexio rural

Desde infantil a fin de primaira. Todo o alumnado do CEIP Doutor Suárez de Fornelos de Montes xuntou, verso a verso, o poema “Has de cantar” de Rosalía, dentro da proposta da AELG.

A iniciativa do colexio de Fornelos de Montes para conmemorar o aniversario do nacemento de Rosalía implicou a cada unha das crianzas do centro, que, de maneira individual e sumando as voces, construíron o poema “Has de cantar” de Rosalía de Castro. A actividade entra dentro da proposta da Asociación de Escritores en Lingua Galega que convidou aos centros de ensino a participaren no aniversario da escritora fundadora da nosa literatura contemporánea.

“Has de cantar/ que che hei de dar zonchos” comeza un cativo dos máis pequenos e, a partir de aí e en parellas, todas e cada unha das crianzas do colexio van poñendo os seus versos para conformaren entre todos un singular recital de sete minutos polo que pasa o conxunto dos nenos e nenas do colexio. Gravado de maneira sinxela cun plano fixo que capta a espontanea maneira de dicir do alumnado, a iniciativa está a ter unha singular acollida nas redes.

A proposta da AELG foi secundada por máis dun cento de centros escolares que conmemoraron de maneira moi especial o aniversario da escritora neste ano no que tamén se fan 150 anos da publicación de “Cantares Gallegos”.

O CEIP Doutor Suárez é o centro de ensino de Fornelos de Montes, un concello do interior de Pontevedra especialmente masacrado pola emigración e no que boa parte da súa veciñanza marchou a vivir a Pontevedra e Vigo. As últimas décadas foron de grande descenso de poboación infantil e do nivel de matriculación do centro.

Comentarios