“Formaclown”, a aposta por ensinar a facer rir do Festiclown en Lugo

“Máxia Cómica” e “Clow” son os cursos de formación que os días 6 e 7 de xullo ofrece o Festiclown en Lugo, unha aposta para aprender facer rir con xogos de maxia ou facendo o ridículo. Completan unha semana na que o riso se sentirá por toda parte en Lugo. 

Festiclown
photo_camera Festiclown

Dous cursos formativos son novidade nesta edición do Festiclown 2.0 multisede Lugo que terá lugar do 3 ao 7 de xullo en distintos espazos da cidade. Espectáculos de risa, exposicións, proxeccións e actuacións complétanse cunha aposta formativa que busca ensinar aos que van contribuír a tirar o riso do público en tempos nos que non sae con moita facilidade. 

A cargo de Pablo Muñoz, cofundador da compañía de clown Good Idea Company, correrá o curso de Maxia Cómica que terá lugar o sábado día 6 no C.S. Uxío Novoneyra das 10:00 ás 14:00 e das 16.30 ás 20.30. Aprendizaxe de xogos de maxia, gags máxicos con cordas, panos e outros elementos ou interacción co públicos son algúns dos contidos deste curso que busca introducir a maxia como ferramenta nos espectáculos de humor. 

O cofundador da compañía oficial do Festiclown, Os Sete Magníficos máis Un, Fran Rei, ponse á fronte do curso de clown que se desenvolverá o día 7 no mesmo lugar e co mesmo horario que o de maxia cómica. O fin do curso será atopar, segundo di, “o noso estilo persoal de gozar sendo ridícul@s”. “O obxectivo último será descubrir ese ridículo e aprender a recorrer a el conscientemente, divertíndose e, sobre todo, divertindo ao público”, sinalan, O prazo de inscrición e pagamento dos cursos remata o venres 5 de xullo e a selección farase por orde de ingreso bancario. O prezo dos cursos é de 60 e 30 euros respectivamente. Para inscripción, máis información na súa páxina web. 

De balde e de risa

De balde son todas as actividades que farán rir á cidade das murallas neste Festiclown 2.0 multisede Lugo que encherá rúas, prazas e demais espazos de espectáculos. 

Dous son Compañía con Pedro Brandariz e Fran Rei, Peter Punk, Os Sete Magníficos máis Un, Capitán Maravilla, Kanbahiota Trup, Ale Risorio, Pablo Superstar e Wilbur son as compañías que compoñen o programa deste encontro de risa que se completa con exposicións, proxeccións e actuacións como parte do seu apartado solidario. 

Comentarios