'Escrache' ao conselleiro de Cultura

A Plataforma Galega das Artes Escénicas e Musicais seguirá a Xesús Vázquez en todos os seus actos oficiais para protestar pola súa situación. Estiveron na Cidade da Cultura na presentación dunha actividade polo 150º aniversario da publicación de Cantares Gallegos.
Cultura nas cidades

"Seguiremos coas accións porque non hai adiantos". Con estas palabras definía unha membro da Plataforma Galega das Artes Escénicas e Musicais a protesta que realizaron hoxe no Museo Centro Gaiás na Cidade da Cultura no acto que reunía a Xesús Vázquez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e a Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura..

Foi na presentación da actuación musical educativa No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía, na que participará alumnado de entre 8 e 12 anos dos conservatorios e das escolas de músicas de toda Galiza. 

"Reclamamos a presenza da cultura nas cidades", indicou a mesma fonte da Plataforma, "foi unha protesta pacífica que repetiremos en todos os actos nos que participe o conselleiro". A Plataforma realizará un seguimento das actividades de Xesús Vázquez para amosarlle presencialmente a súa disconformidade após a última reunión na que, segundo sinalan, "non se informou de ningún plan". O 'escrache' é unha modalidade de protesta que realizan algúns colectivos sociais como protesta directa e que consiste en seguir aos responsábeis políticos en lugares públicos para expoñer as súas reivindicacións.

Comentarios