“Con dez poemas por barba” para abrir a Feira do Libro de Lugo

María Lado e Lucía Aldao co espectáculo poético-musical “Con dez poemas por barba” e o alumnado do Conservatorio abrirán o día 14 a 31 edición da Feira do Libro de Lugo. Un completo programa cultural Ate o domingo 19, un completo programa encherá de cultura a Praza Maior na semana das letras.  

Aldao-Lado
photo_camera Aldao-Lado

Para todos os públicos e en todos os xéneros. Os libros protagonizan a programación da Feira que abre as súas portas na Praza Maior mais, ao seu redor, artéllase unha completa e variada proposta cultural que reforzará a actividade da semana das letras en Lugo. 

Como en todos os encontros organizados pola Federación de Librarías, tamén en Lugo preparouse unha especial programación para crianzas con maxia, contacontos ou obradoiros ao longo de todas as xornadas da feira. Maxia con Toño, contacontos con Avoa Youja, teatro con Ana Carreira que presenta Touporroutou, baseado na obra infantil de Roberto Vidal Bolaño e Babaluva con Babacontos son algúns dos espectáculos aos que estarán convidadas as crianzas de Lugo. 

Con especial atención á programación do Día das Letras, Urdime Teatro representará Vida e obra de Roberto Vidal Bolaño, unha charla posta en escena entre Laura Ponte e Roi Vidal o seu fillo con Roberto Vidal Bolaño. 

Como en todas as citas, as presentacións de libros teñen unha especial presenza nas actividades da Feira do Libro e, nesta ocasión, Feminismos de María Reimóndez e Olga Castro, De roda en roda. Música e danzas do mundo de Suso Cancela, Pilar Sampil e Javier Jurado, As lambetadas dos Larpeiros de Merche Rodal, O aprendiz de home de Saco,de Antonio Reigosa ou Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás son algúns dos títulos que integrarán o programa.

Dúas singulares sesións teñen especial identidade no programa, o encontro de literatura fantástica con Contos Estraños e Urco Edito

ras e a presentación das obras O mundo secreto de Basilius Hoffman de Fernando M. 

Cimadevila, Galiza mutante:  Poder Nuclear, de Tomás González Ahola e As crónicas de Bran. A revolta dos mestres, de Xosé Duncan ademais doutra sesión dedicada aos mundos de Barriga Verde, con Comba Campoy, Anxo García e a presentación do DVD-libro Morreu o demo, acabouse a peseta, publicados pola Asociación Cultural Morreu o Demo.

Os horarios da feira será de 11.30 a 14.00 -feriados e fins de semana até 14.30- horas e de 17.30 a 21.00. A de Lugo é a terceira das Feiras organizadas pola Federación de Librarías. Pontevedra, Ourense, Vigo, A Coruña, Viveiro, Foz, Monforte de Lemos e Rianxo pecharán a xeira de programacións para achegar os libros ao público lector da que a organización está, polo momento, facendo un balance positivo despois de térense celebrado Santiago e Ferrol.  

Comentarios