"Cantos na Maré" convida ao seu décimo aniversario

Se alguén podía ter imaxinado o Cantos na Maré, esa é Uxía. Especialista en felices parcerías, creou hai xa dez anos o que ía ser o máis vibrante proxecto de encontro musical da lusofonía. Para conmemorar o décimo aniversario, convoca en Pontevedra o día 12 de xaneiro, músicos de todas as marés, dos distintos océanos. Chico César do Brasil, Rui Veloso de Portugal, Sés da Galiza e Chenyy Wa Gune de Monçambique, con Uxía como anfitriona protagonizarán un aniversario de luxo.
photo_camera Chico César

Uxía e Sés xunto coa concelleira de Pontevedra, Anxos Riveiro e o productor do festival, Paco de Pin, presentaron un programa que, como nas edicións anteriores convida a participar voces de distintos continentes, de Portugal, Brasil e a áfrica lusófona, nesta irmandade musical singular que se convertiu xa en cita obrigada en Pontevedra.

Para o día 12 ás 21 horas no Pazo de Cultura de Pontevedra dará inicio a décida edición do Cantos na Maré, cun programa especial que contará cun repertorio deseñado para a conmemoración, composto en especial de duetos dos distintos participantes.

Por vez primeira o portugués Rui Veloso estará na Galiza, mália ter xa unha traxectoria de máis de trinta anos. A presenza de Chico César, por outra banda,e vocará aquel primeior Cantos na Maré cando o cantor emocionou e fixo vibrar ao auditorio todo co ritmo africobrasileiro da súa música. A música de timbila de Cheny Wa Gune mais os novos ritmos de Sés darán enerxía a unha noite que contará tamén cunha banda de luxo composta por Sergio Tannus, Berg, José Manuel Díaz, Joaquim Teles “Quiné”, dirixidos por Paulo Borges. O convívio e o encontro fraternal a través da música volverán presidir o festival ideado por Uxía que cada ano convoca en Pontevedra a todas as persoas amantes da mellor música da lusofonía.

Comentarios