“A variedade estilística e temática fai do cómic galego o máis rico do estado”

Ardalén, a última obra de Miguel Anxo Prado, vén de ser elixida mellor banda deseñada do ano nos galardóns de Zona Cómic, colectivo no que conflúen as librarías especializadas deste sector a nivel estatal. A piques de saír a súa segunda edición en galego, esta inmensa novela gráfica intérnase nas entrañas da memoria. .

Miguel Anxo Prado
photo_camera Miguel Anxo Prado, fotografía de @aldara_prado

Da man de Fidel, un ancián residente nunha aldea que evoca claramente os Ancares, Ardalén afonda no desarraigo da emigración e no desexo frustrado do retorno, a xuventude en Cuba e a persoa amada. En clave de realismo máxico, Ardalén eríxese como o máis maduro poema visual do autor máis internacional do cómic galego.

-Nos galardóns de Zona Cómic resoaron nomes galegos. Como evoluciona o sector?

-Canto á creación estamos nun bon momento. A banda deseñada galega conta xa con varias xeracións de autores, dende o estoupido producido polo seu patriarca, Xaquín Marín, até os autores máis novos, entre os que hai unha calidade media moi alta. Temos, aliás, unha porcentaxe importante de mulleres creadoras, o cal denota un proceso de normalización que era necesario a nivel global, superándomos unha eiva que levabamos arrastrando dende vello. Hai xa nomes femininos moi importantes e o número de lectoras tamén creceu exponencialmente. Por último, temos unha variedade tanto estilística como de intereses temáticos que fai da Galiza o núcleo máis rico e variado de todo o estado. Neste senso, eu sempre defendín que esta era a clave para a supervivencia do ecosistema e para a nosa proxección no tempo.

-Como está a ser a acollida de Ardalén?

Inda que o libro saiu en novembro e son poucos meses de andaina, non podería ser mellor. O feito de que a edición en galego se esgotara e estexa xa en preparación a segunda, é todo un fito (ri).

-O libro afonda nas eivas colectivas da historia galega. De onde vén ese interese pola memoria?

Ao longo de toda a miña carreira profesional, este foi un tema que tentei desenvolver nunha porcentaxe elevadísima, ás veces como froito da miña realidade persoal, outras, da narrada por outros. É difícil fixar estes límites porque, no meu caso, a realización é un proceso moi lento que abrangue, habitualmente, varios anos. As ideas dormen esnaquizadas en pequenas notas dispersas até que, nun momento, xorde un elemento que fai de aglutinador. Con Ardalén, unha das obras das que eu teño máis consciencia de como foi o proceso de creación, o arranque foi un poemiña que tiña escrito dende finais dos anos 90. Foron elementos posteriores que fun asociando, os que revelaron que tiña unha historia entre as mans.

-Quixo usar Fidel para narrar o desarraigo deste pobo?

Claro, seguramente, toda historia individual non deixa de ser un reflexo da historia colectiva. Como individuos somos froito da colectividade na que estamos encarnados e, como colectividade, somos o resultado da vida dos individuos. No caso de Fidel, o que é primordial na construción do personaxe, é a súa relación coa memoria, cuns referentes que para @s galeg@s, evidentemente son moi inmediatos. Dende que se presentou o libro, non hai sitio que vaia no que alguén non me comente que, na súa familia, hai unha historia parecidísima. Malia todo, son situacións e experiencias que fican por seren universais, xa que permiten unha proxección visceral, humana e inmediata.

-As paisaxes evocan os Ancares. Ten isto algo de autobiográfico?

Non, malia que sempre hai unha bagaxe de percepcións propias. Claramente, hai moitísimos elementos, sobre todo a nivel visual que, sen seren necesariamente representacións exactas e fidedignas de ningún sitio, apuntan cara á algún lugar. Efectivamente, dou a entender que a aldea podería ser algún sitio dos Ancares de Lugo e estas imaxes funcionan porque están integradas nas miradas colectivas.

-Porén, soe tirar cara á ese imaxinario, como na historia da vaca de Quotidiania delirante.

(Ri). Si, eu teño unha relación persoal moi forte co interior de Lugo; son coruñés, e polo tanto, hai unha parte miña marítima que, se cadra, é máis evidente no meu traballo. Pero, dende a infancia, pasei temporadas na Terra Chá e en Guitiriz e, logo na adolescencia, foi cando descubrín Os Ancares. Polo tanto, malia non seren historias propiamente autobiográficas, inevitabelmente, son froito dunha experiencia que, amais, xera un dos ingredientes básicos da creación, que é o nexo co receptor, mediante o recoñecemento de determinados tipos, situacións ou paisaxes. Polo tanto, un finés pode coller a historia e facela súa, mais sempre haberá ese plus para quen poida entrar nesa identificación.

-Tres anos para que Ardalén vise a luz. Foi necesario un traballo de documentación?

Malia que eu non adoito traballar así, neste caso si que investiguei arredor das viaxes en barco a Cuba d@s emigrad@s galeg@s, sendo que precisaba facer volver ao vello avó á Habana. Con todo, chegou un momento no que tiven que parar porque, a procura, se estaba a converter nunha imparábel caixa de Pandora.

-Fai esta mestura de realismo e fantasía parte dunha visión propia?

Eu non me fago esas formulacións, nin a priori nin como exercicio de estilo ou de personalidade; simplemente, póñome a escribir a historia e, con moita frecuencia, si que deriva nesta combinación malia que, outras, fico máis apegado á realidade, mesmo abeirando o costumismo, como é o caso das quotidianías.

-Pero sempre delirantes…

(Ri). A verdade é que si. Tamén hai inercias culturais que acaban por condicionar moito e, no caso da Galiza, existe unha forte tradición desa combinación entre o real e o fantaseado; as lendas, ao fin e ao cabo, son iso: interpretacións fantásticas de realidades ás que se lles pretende dar unha transcendencia ou explicación. Dende logo, é un xeito de contarmos moi galego.

-É Cunqueiro un referente premeditado?

Agora non, porque xa está completamente dixerido mais, nas miñas lecturas adolescentes, devorei a súa obra e foi toda unha epifanía; non só polas historias que conta, senón polo xeito de as contar. Engaiolábame esa forma modesta de facer fantasía fronte á fantasía desbocada que me deixaba fóra e me impedía a identificación por estar tan afastada da realidade humana. Coma Ardalén mestura realidade e fantasía, cando ando polo mundo, sempre me sacan os referentes latinoamericanos; pero eu sempre digo que o primeiro autor do realismo máxico que me fascinou, foi Cunqueiro.

-Tras pasar por unha factoría coma Dreamworks, baixo a dirección de Steven Spielberg, que diferenzas atopa fronte outros proxectos como De Profundis con Continental?

Malia que ambos son animación, foron experiencias que non se parecen en nada, sobre todo a nivel de resultados. Na serie de Man in Black, na que estiven traballando catro temporadas, os ritmos de produción eran trepidantes, as equipas inmensas e, polo tanto, había unha serie de parámetros que estaban por riba da concepción artística. Non renego daquela experiencia porque me permitiu aprender practicamente todo con respecto á animación para facer De Profundis. Loxicamente, tes de aceptar as limitacións que o propio proceso impón e non podes pretender que esa obra teña ambicións para as que non foi pensada. Porén, tiña unha parte divertida, embora a responsabilidade creativa que eu sentía fose moito menor. De Profundis foi, en troca, un proxecto impagábel, cunha equipa moi reducida por necesidade de como eu o quería facer. Estar catro anos traballando xunto a Nani García para encadrar a imaxe e a música en cada nova secuencia de planos foi unha experiencia que sería imposíbel dentro dunha estrutura empresarial normal.

Comentarios