"A noite branca" de Fernández Naval, mellor obra do ano nos premios Irmandade do Libro

A noite branca, de Francisco Fernández Naval como mellor libro do ano para a Federación de Libreir@s xunto coa web Galicia Encantada, As Guías da Natureza de Baía, o CEIP Quintela de Moaña e a libraría Komic de Santiago sumáronse a Mª Xosé Queizán como autora do ano nos premios da Irmandade do Libro entregados o sábado en Monforte. 

Fernández Naval
photo_camera Fernández Naval

“Pola ampliación de horizontes da narrativa galega” a novela A noite branca de Francisco Fernández Naval foi recoñecida como mellor  obra do ano 2012 polo xurado dos premios Irmandade do Libro, galardóns que cada ano convocan a Federación de Libreiros e Libreiras de Galicia e que se entregaron o pasado sábado na Casa de Cultura en Monforte. 

O libro e a lectura son os protagonistasdesta convocatoria que aplaudiu o traballo desenvolvido por Antonio Reigosa, e as persoas que contribúen no proxecto, diante do web Galicia Encantada por “manter vivo o mundo mítico galego” , alén do seu traballo divulgador e de se ter convertido en referencia nos centros de ensino. No apoio á lectura no ámbito escolar foi precisamente o CEIP de Quintela de Moaña o centro sobre o que o xurado deitou os seus ollos polas actividades desenvovlvidas e pola “relación pedagóxica coas librarías e coas biblitecas públicas da zona”. 

Un establecemento especializado, a Kómic de Santiago fíxose co premio á mellor libraría, primeira que se dedicou á distribución deste xénero. 

Guías da natureza

As “Guías da Natureza” de Baía Edicións foi o proxecto recoñecido como Obra Editorial do Ano pola “contribución a que a rica terminoloxía galega relativa á natureza perviva e á divulgación do medio natural como unha maneira de colaborar na súa conservación”. 

Os nomes das propostas galardoadas déronse a coñecer no acto de entrega desenvolvido en Monforte o pasado sábado día 20, unha vez con antelación se dera a coñecer o nome de Mª Xosé Queizán como mellor autora do ano, nestes galardóns outorgados por libreiros e libreiras que teñen como obxectivo destacar o traballo de persoas e iniciativas que contribúen á difusión do libro e a lectura. 

Comentarios