A materia da arte de Cé Tomé móstrase en dúas exposicións na Estrada

O artista Cé Tomé inaugura dúas exposicións na Estrada. Están a moi poucos metros, en dúas salas diferentes e mostran as distintas materias na que se expresa o artista, un creador que dialoga coa arte plástica e a música. No MOME (Museo do Moble e a Madeira) estarán á vista as súas produccións en collage con base na madeira. Na Galería Dispara, as súas imaxes nas que a idea toma corpo a través do seu obxectivo.

 

Dunha inauguración á outra a través dos poucos metros que separan as dúas salas. No paseo, un espazo para se trasladar a dous mundos do universo creativo de Cé Tomé que hoxe venres día 19 abre as dúas exposicións na Estrada. No Museo do Moble e a Madeira mostra ao público obra de trinta anos, unha proposta prolongada no tempo que nos achegará ao collage sobre madeira na obra matérica que o artista nos ofrece. Rexina Veiga e Xabier Queipo lerán textos na inauguración do MOME antes de pasar á sala Dispara, onde a música de dous DJ -ámbito no que Cé Tomé desenvolve tamén a súa traxectoria artística- abrirán ás portas ás cinco series fotográficas do artista.

“Cando teño unha idea intento expresala cos medios que teño ao meu alcance, neste caso tanto na fotografía como no collage” explica Cé Tomé, advertindo que se puidera expresarse a través do cine ou da pintura tamén o faría. Crítico e rigoroso coa súa obra, maniféstase, no entanto, entusiasmado coas dúas exposicións que abre na Estrada. “O conformismo non é a miña linguaxe mais con estas exposicións estou satisfeito, considero que son un paso adiante significativo na miña traxectoria artística”, unha carreira creativa na que leva máis de doce anos con exposicións.

Singular é en Cé Tome a súa condición de músico e artísta plástico, combinación non en exceso presente na cultura galega. Con Río Lagares, proposta creativa que comparte co escritor Xavier Queipo, experimenta coa conxunción de sons e imaxes e esa relación faise no seu traballo artítico, cada día máis próxima, á maneira dunha “autointerpretación” en clave persoal. A música chegou antes e, canda ela, foron aparecendo outras maneiras de se expresar, ás veces conducidas pola propia admiración diante das capas dos discos de vinilo. “Cheguei á poesía, en boa medida, a través de Dylan e ás artes plásticas a partir de imaxes como as das capas de Pink Floyd”, comenta Cé para poñer exemplos que deixen á vista a presenza orixinal da música no seu universo artístico.

Confésase matérico. Contemporáneo na linguaxe, gosta de cortar coa tesoira os materiais que compoñen os seus collages. “Debuxo cortando os materiais e, por veces, preciso ese contacto coa materia, pásame tamén coa música. Un disco dáme unha sensación distinta a unha canción en MP3” comenta, a respecto do proceso de elaboración dos seus collages.

Coas fotografías, fuxe tamén da súa capacidade de reproducción, da condición que está na propia naturaleza do revelado. As de Cé Tomé son pezas únicas, herdanza da pintura, imaxes singulares que ficarán só na man de quen se achegue a elas. “Son respectuoso até o extremo con quen leve unha das miñas fotografías a súa casa. Non atopará outra igual en parte algunha. Está feita só para esa persoa” comenta.

En “Dispara”, a sala xestionada polo fotógrafo Tono Arias, mostra imaxes de dúas series creadas para esta mostra, unha antiga e dúas instalacións que sorprenderán ao público. No conxunto mostra a felixibilidade das distintas técnicas fotográficas, visitando desde a analóxica, con positivado manual peza a peza, á dixital. “Son esixente co que fago, considéronme autocrítico mais, neste caso, estou especialmente satisfeito do resultado” conclúe Cé Tomé ao respecto das exposicións que se poden ver nas dúas salas da Estrada.

Comentarios