sábado 16/10/21

“A esencia do escritor está na mirada que procede da infancia e a miña sempre será a dun neno labrego”

Carlos G. Reigosa é un dos nomes máis respectados e prolíficos das letras galegas. No seu último traballo, A Galicia máxica de García Márquez, reúne con mestría a paixón do escritor e a do xornalista para acompañar o Nóbel colombiano na procura das súas raíces. Realidade e ficción conviven no rastrexo dunha “forma de contar” que, apunta, ten o aspecto de provir da outra beira do Atlántico

[Imaxe: Xerais]

Após unha edición non venal que se repartiu polas bibliotecas do estado no ano 2008, a última obra de Reigosa chega ás librarías do país de mans de Xerais. O devir da profesión xornalística, a reivindicación da lingua materna ou a ineludible pegada da infancia son algúns dos temas que o escritor da Pastoriza debulla para nós nesta entrevista.

Como nace esta pesquisa arredor de García Márquez e as súas raíces galegas ?

Esta é unha obra cun obxectivo clarificador da relación de García Márquez con Galicia. El, nos anos 80, sempre dicía que quen máis o influíra na súa literatura fora a súa avoa galega. O libro responde a esa fantasía ou realidade do escritor de atopar as súas raíces literarias en Galicia, a través de Tranquilina, que tiña a facultade de contar as historias máis estremecedoras cunha cara de pau, é dicir, sen cambiar a expresión. Polo tanto, o núcleo e esencia desta obra é a propia peripecia do escritor colombiano e como, ao longo da súa vida, vai descubrindo que unha cousa é a fantasía e outra a realidade. El non ten verdadeiramente unha avoa galega directa. Tranquilina xa nacera en Colombia, malia que existe a posibilidade de que os seus antepasados procedesen de Galicia.

Logo, non ten esta investigación moito de realismo máxico?

É evidente. O que eu procurei neste traballo non era dilucidar a ascendencia do escritor, senón explicar algo que é moito máis importante. Cando un se acerca á biografía de García Márquez, dáse de conta de que esa avoa galega, que el teima en ter, está detrás de todas as súas obras. E, cando por vez primeira viaxa a Galicia, percibe unha remota proximidade con esta terra. Porén, a realidade é moi testana. A irmá de Márquez comeza entón unha investigación, absolutamente convencida de que os seus antepasados eran galegos, mais o único que atopa son datos dispersos. Polos apelidos élle moi difícil avanzar. Descobre que os seus tataravós chegaran a Colombia dende España e, tendo en conta as migracións masivas de galegos que se produciron no século XVIII, posiblemente procedesen de Galicia. Con todo, anos máis tarde, Márquez pide á súa irmá que deixe de darlle voltas ao tema porque a súa terra, unicamente, é O Caribe. Así, decátase de que un é de onde respirou a infancia.

No artigo que publicou en El País, após a súa estancia na Galiza no 1883, García Márquez  fala dun “país mítico-moito máis do que os propios galegos imaxinan-”. Por que?

Eu creo que Márquez fai esta afirmación porque, entre outras cousa, nesta estancia ía ao seu lado Domingo García-Sabell facendo de guía. Este tiña a idea de que, en Galicia, hai moitos elementos ahistóricos e, polo tanto, míticos. Isto vese nas aldeas de Galicia cando un chega e pregunta “e esa igrexa de cando é?”, e o paisano contesta, “meus avós non lembraban quen a construíra”. A mítica empeza, logo, a partir dun descoñecemento histórico e Galicia ten como identidade esa confrontación entre mito e realidade.

"Neste país hai unha densidade máxica extraordinaria. Malia que Cunqueiro preferira chamarlle realismo fantástico, son literaturas moi próximas"

Atopou algúns trazos do realismo máxico latinoamericano na mitoloxía galega?

Moitos. Neste país hai unha densidade máxica extraordinaria. Malia que Cunqueiro preferira chamarlle realismo fantástico, son literaturas moi próximas. De feito, ambos coñecéronse persoalmente e comeron xuntos en Barcelona, tal e como relata Márquez no seu artigo de El País. Creo que, ao longo das súas carreiras, ollaron reciprocamente para as súas obras de esguello. No entanto, é moi difícil establecermos similitudes ou proximidades. O propio Cunqueiro dicía que el se sentía máis próximo de Alejo Carpentier ou de Borges que de García Márquez. Polo tanto, a pesar dos paralelismos, cada un posuía cadanseus temas e obsesións e, dende logo, non podemos falar de plaxios ou copias.

E non foi vostede, dalgunha maneira, herdeiro deste realismo máxico?

Eu teño o meu propio mundo literario, mais si é certo que nel roldan dúas liñas que me preocupan especialmente. Sempre procuro retratar a realidade dun modo creativo no que a ficción sexa o instrumento narrativo esencial. Para min, é apaixonante conxugar nun libro como é A lei das ánimas dous mundos antagónicos: o espazo rural, máxico e supersticioso e o espazo urbano, racional e moderno. Retratar os dous mundos, o máxico e o racional, é esencial se un se considera un escritor galego.  

"Eu teño o meu propio mundo literario, mais si é certo que nel roldan dúas liñas que me preocupan especialmente: a realidade e a ficción"

Nunha entrevista afirmara que, no seu caso, primeiro nacera o xornalista e logo se forxou o escritor. Hoxe en día, concibe unha das cousas sen a outra?

Creo que teño unha enorme vocación xornalística e que a tiven sempre, mais que, ao lado dela, convive unha profunda paixón de novelista. Porén, mentres o xornalismo me permitía comer e vivir con estabilidade, a realidade novelística non me ofrecía iso. Nunca me foi posible inverter os termos. É dicir, escribir novelas para vivir e facer xornalismo cando me apetecera. Ao longo da miña vida, sen lle restar un minuto ao xornalismo, esforceime para escribir as miñas novelas nos poucos momentos que me quedaban libres e, se non fose por esta profesión, tería máis libros publicados. É certo que o xornalismo me secuestrou moito tempo, mais quérolle moito porque creo que foi moi xeneroso comigo.

Por que defende esa xenerosidade?

Eu son un neno que naceu tras da corda alá na Pastoriza de Lugo e, malia todo, fun durante moitos anos director de Información da axencia EFE, recorrín o mundo e entrevistei aos grandes escritores dos que falamos, como García Márquez ou Borges. E, dende logo, se os coñecín persoalmente, foi polo xornalismo e non pola literatura. Pola deles si, mais non pola miña [ri].

Como ve a crise da profesión xornalística, tanto a económica, como a de prestixio e credibilidade?

O xornalismo ten unha definición que non cambiou e que non vai cambiar. O que si mudou é a súa rendibilidade. Houbo un tempo no que os xornalistas estabamos ben pagados e ben considerados e facíamos o que tiñamos que facer, xornalismo. As estreiteces económicas que atravesa a profesión, loxicamente, afectan o profesional e o medio de vida, mais a súa definición é a mesma. Non hai dúbida de que, para os que están comezando, tornouse un medio moito máis difícil á hora da supervivencia. Cando eu comecei, eramos poucos xornalistas e agora licéncianse a moreas, o que produce salarios baixos e unha competencia atroz. Agora vexo chegar á profesión mareas de universitarios cunhas medias moi altas, mais o xornalismo nunca foi iso. O xornalista non é un tipo cuns coñecementos enormes nunha especialidade, senón o que sabe facer unha boa pregunta no momento oportuno e ser rigoroso na súa transcrición. Defendo que, hoxe en día, tamén se fai xornalismo de alta calidade e non é certo que antes non existise o xornalismo mediocre.

"O xornalismo ten unha definición que non cambiou e que non vai cambiar. O que si mudou é a súa rendibilidade"

Imaxinou que Crime en Compostela, best-seller e premio Xerais en 1983, se convertera no referente do xénero para unha longa lista de autores galegos que virían despois ?

Con esta obra tiña claras dúas cousas. A primeira era facer unha novela de intriga. Eu achegárame ás obras dos grandes autores galegos e parecíanme complicadas. De feito, moita xente me comentara que nunca conseguiran rematar unha novela en galego. Creo que toda novela ten que ter unha capacidade de sedución e que un lector que le dez páxinas debe ter un estímulo para continuar. En segundo lugar, procuraba unha certa calidade literaria; facer desa historia de intriga o que algúns chamaban antes alta literatura e que, para min, é simplemente literatura. Isto consiste en que, ao finalizar a novela, o lector teña máis información sobre o mundo ou, concretamente, sobre ese mundo particular, que cando a encetou.  Eu nunca aspirei a escribir coma James Joyce, cuxo Ulises é unha obra difícil de ler, ao meu entender. Procuro que a miña obra estea o alcance do lector normal.

De feito, a miña avoa leu a súa Pepa A Loba tres veces.

Mira, pois que bonito! Neste caso, tiven unha liberdade creativa enorme porque só existían tres datos históricos do personaxe: a data de nacemento, a data de detención e a carta que Concepción Arenal lle envía ao cárcere da Coruña. A partir de aí, fixen varios viaxes en coche pola zona da Estrada, Ourense e Lalín, falando coas xentes do lugar e, malia que ás veces dicían cousa contraditorias, eu sentíame libre de escoller só as que quería contar. Creo que foi toda unha rehabilitación deste mito da narrativa oral que sobrevivía esnaquizado. De feito, por respecto á imaxe da tradición popular, non describín a Pepa A Loba en ningún momento. Cando Miguelanxo Prado preparaba a portada do libro, chamoume para preguntar onde estaba a súa descrición e, ao non habela, tivo liberdade absoluta para pintar a Pepa como el a imaxinaba.

"Eu nunca aspirei a escribir coma James Joyce. Procuro que a miña obra estea o alcance do lector normal"

Quince anos pasaron até que decidiu publicar a versión en castelán de Crime en Compostela. Quería obrigar a ler @s [email protected] na súa lingua?

Si, iso é así. É tan así como que tiven a oferta de traducir a novela ao español ao ano seguinte de se publicar en galego e rexeiteina. Si que accedín que fose traducida ao valenciano pero non consentín a edición en castelán até que pasaron moitos anos, alá polo 1999. E creo que foi unha boa idea. Independentemente de que perdín cartos, gañei moito en coherencia. Moita xente me parou pola rúa para dicirme que fora a primeira novela en galego que conseguiran rematar e iso vale máis có diñeiro. Evidentemente, hai que poñerse neses anos inda que, a boa acollida que tivo, non deixa de ser unha cousa sorprendente e milagrosa. Ademais, quixen escribila para non esquecer as anécdotas de Compostela, onde fora durante tres anos delegado de EFE porque sabía que, a partir dese instante, comezaría o tempo de demolición da memoria.

Como escritor en lingua galega, algunha vez lle pechou as portas o feito de escribir nunha lingua minoritaria?

Nunca me fixen esa pregunta no sentido profundo, quizais porque non me interesaba a resposta. Nacendo nunha esquina da Pastoriza e co compromiso de ser fillo de monolingües galegos, non ten sentido formularse esas cuestións. Se seguise ese criterio escribiría en inglés ou en chinés. Este compromiso é persoal, nin sequera ten un carácter racional ou social. Os meus primeiros contos foron en galego e sempre recordo á miña nai esnaquizándose coa risa. Para min, escribir en galego era esencial porque iso significaba manexar os mesmos códigos e a mesma lingua cá ela. Por iso,  nunca dubidei en que idioma tiña que escribir as miñas novelas. Iso non quere dicir que non respecte outros escritores que abandonaron a súa lingua natal e adoptaron outra para desenvolveren a súa actividade profesional. Estas eleccións dependen duns códigos de valores e non son uns mellores cós outros, senón que cada quen ten os seus.

"O meu compromiso coa lingua galega é persoal, nin sequera ten un carácter racional ou social"

Após media vida vivindo en Madrid, por que sempre usou a literatura para volver á súa terra, quer co idioma quer con temas coma os maquis, o contrabando ou o narcotráfico?

O meu mundo creativo e literario está en Galicia. Teño a teoría de que a esencia do escritor é a mirada e que esta vén da infancia. Polo tanto, a miña é unha mirada de neno labrego e nada importa que, como xornalista, dese a volta ao mundo, porque todo o que vin nesas viaxes vino baixo a perspectiva dun rapaz do rural galego. Non tiven que entrar en reflexións sobre a lingua que adoptar en cada momento porque xa me viñeron dadas. Para sobrevivir, só puiden facer xornalismo en castelán. Eran outros tempos. Pero, na literatura, a miña aposta non tiña nada a ver e, por iso, sempre fixen novelas en galego. O meu código moral está escrito aí e iso nunca cambia.

comentarios