Cultura atribúe o cesamento do xerente do CGAC a “un proceso de renovación”

O secretario xeral da Consellaría de Cultura, Anxo Lourenzo, atribúe o cesamento do xerente do CGAC a un “proceso de renovación” cando se cumpren vinte anos do Centro. Como adiantou Sermos Galiza, a Consellaría de Cultura cesou a pasada sexta feira a Manuel Arroyo á fronte do departamento de xestión do centro, despois de ocupar a praza desde o inicio da súa andaina.

CGAC
photo_camera CGAC

Sermos Galiza adiantou hoxe que a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria tomara a decisión de cesar o xerente do CGAC, Manuel Arroyo, que ocupaba o cargo practicamente desde a inauguración do centro. En declaracións á imprensa que recolle a Axencia Efe, o secretario xeral de Cultura saíu ao paso da información publicada en primicia por este xornal apondo o relevo a un “proceso de renovación” cando se cumpren dúas décadas de existencia da entidade. 

Anxo Lourenzo esforzouse en desligar o cesamento da situación anómala que vive o centro. Como informou tamén no seu día Sermos Galiza, o presidente do padroado do CGAC, Fernández de Sousa, presentou a renuncia ao seu cargo sen que a Consellaría informase de tal circunstancia e sen que se convocase nengunha reunión do órgao para tomar coñecimento da demisión. Tampouco a Xunta ten decidido aínda quen relevará ao presidente do padroado, a mesma persoa que levou a Pescanova á quebra.

Lourenzo relativizou o cesamento de Arroyo. Motivos? "Non hai ningún en especial", dixo. Segundo o secretario xeral de Cultura, co cambio búscase “afrontar os novos retos, afrontar os novos desafíos e esa é a motivación da substitución”. Porén, sinalou que “valoraba o traballo” de Arroyo, tamén na última fase da súa xestión, cando “a situación económica de todas as administracións é complicada”.

O alto cargo de Cultura indicou que nos próximos días se dará a coñecer o nome da persoa que substituirá Arroyo e que terá un perfil de xestor “administrativo-económico”. 

Comentarios