A Xunta Xeral de Accionistas de Sermos Galiza reúnese este sábado, o día do segundo aniversario do dixital

O acto coincide co segundo aniversario da saída á rede do diario dixital -que se cumpre este sábado 26 de abril- e servirá para analisar a traxectoria da empresa desde a anterior Xunta xeral e presentar o plano de traballo para 2014

.
photo_camera .

A reunión está convocada para as 11:00 horas na Nave de Vidán (Avenida da Mestra Victoria Míguez, 44, de Compostela). A presentación e aprobación, se a Xunta o considera, do estado de contas así como do informe de xestión, son dous dos puntos que figuran na orde do día e que se complementan coa ratificación do Consello de Administración que estará a fronte da empresa até a próxima Xunta Xeral.

No informe que se presenta á aprobación da Xunta Xeral de Accionistas faise fincapé en que Sermos Galiza, quer na versión dixital quer na versión en papel, é xa un medio de referencia e de consulta na Galiza, como demostra o incremento de visitas no dixital e o aumento no número de asinantes do semanario. A pesar diso, que é un feito obxectivo, recoñécese que hai cuestións nas que é preciso mellorar, moitas debido a limitacións organizativas.

Após cumprir 2 anos na rede, o obxectivo é a consolidación de Sermos Galiza quer no eido dixital quer no impreso

No informe avánzanse tamén algunhas cuestións e márcanse algúns obxectivos que, de se cumpriren, permitirían a consolidación de Sermos Galiza neste próximo período. Entre estes obxectivos, case todos centrados no semanario por ser a viga mestra sobre a que se sustenta a
empresa, estarían o incremento da venda en quiosque e o aumento no número de subscricións.

No informe tamén se insiste na necesidade de visibilizar Sermos Galiza en moitos sectores nos que aínda é descoñecido, basicamente a través da idea de que se trata dun produto estratéxico por ser o único semanario integramente escrito en galego.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios