MANOLO GAGO, COORDENADOR DO AFONDO

"O diñeiro que a Xunta destina á defensa do patrimonio é mínimo"

O xornalista Manolo Gago vén desenvolvendo un importante labor de difusión do noso patrimonio. Coordina para Sermos o A Fondo desta semana.

manolo gago 2

A de Manolo Gago é sempre unha mirada construtiva, que confía nas sinerxías, na colaboración, na potencialidade da sociedade civil.

-Cal é a pertinencia de dedicarlle, neste momento, un A Fondo ao noso patrimonio cultural?

-A pertinencia é dobre. Nun contexto de crise económica, o patrimonio cultural revélase como un dos factores, quizais aínda non plenamente asumido pola sociedade e polos poderes públicos, capaz de xerar riqueza para Galiza. Os datos turísticos así o amosan. O turismo cultural é o principal atractivo turístico en Galiza, e o turismo é un dos sectores máis fortes do noso PIB. O turismo cultural segue unha tendencia crecente, e está impulsado por todo o que representa o patrimonio. O segundo factor fai referencia ao movemento social que se está a xerar ao redor do patrimonio cultural, o que se ve nas iniciativas de asociacións ou en proxectos de dinamización. Galiza estase significando ao respecto en relación co estado.

-Que che gustaría conseguir con este A Fondo?

-Gustaríame poder reflexionar sobre unha cuestión: estamos ou non aproveitando todo o que podemos o potencial do noso patrimonio cultural? Eu creo que nos queda moitísimo por traballar. O patrimonio é unha ferramenta colosal para crear, non só riqueza, senón tamén comunidade, sobre todo no mundo rural. Nestes momentos temos que afrontar un novo modelo para o rural, e coido que o patrimonio debera xogar un papel moi importante. Cando nos medios falamos de patrimonio, semella que nos instalamos na idea de crise continua, na espera de que alguén nos veña solucionar as cousas. Quedámonos tranquilos con dar a voz de alarma. O patrimonio non é unicamente conservación dende o punto de vista técnico, é posta en valor, coidalo no día a día, crear un mundo ao redor del. Quixen neste A Fondo que se abordara o patrimonio en clave construtiva.

A forza do tecido cívico

-Nesa liña é todo un exemplo unha iniciativa xurdida da base social, como Mariña Patrimonio, que ten tamén un lugar neste suplemento…

-No artigo que escriben para este A Fondo dende Mariña Patrimonio, cóntannos como aprenderon case a  tombos. A partir dun caso concreto desenvolveron unha metodoloxía que agora se demostra exitosa en Galiza pero aprenderon sós.

-Nun momento no que a sociedade civil emerxe ao redor da defensa e a posta en valor do Patrimonio, o propio papel da Academia e mesmo d@s profesionais da arqueoloxía ha de redefinirse. Como se aborda esta cuestión no A Fondo?

-O artigo escrito dende o Incipit, o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, céntrase na figura do arqueólogo. Analizan os aspectos positivos e negativos da evolución da súa profesión nos últimos 20 ou 25 anos e fan unha reflexión sobre como a arqueoloxía se apartou da cidadanía, que é en certo modo quen paga as actuacións. A coparticipación do público é unha das prácticas pendentes.

"O diñeiro que a Administración autonómica destina á defensa do patrimonio cultural é mínimo.  Esa nova lei debera estar instrumentada orzamentariamente para poder afrontar o seu propio futuro"

-Nestes últimos anos moitas cousas cambiaron no que ao patrimonio cultural ten que ver, mesmo a propia maneira de entender o concepto, outra das cuestións que se aborda no suplemento…

-Unha das peores cousas que lle pode pasar ao patrimonio é pensalo como algo monolítico definido pola academia nunha única dirección. Hai un debate entre o que está regulado e lexislado ao redor do patrimonio e o como este é sentido e transmitido. Bea Comendador, decana da facultade de Historia do Campus de Ourense, fai neste A Fondo unha autocrítica dende a universidade sobre a distanciamento da propia universidade, que é a que a que forma a diferentes tipos de profesionais neste ámbito, con respecto á sociedade. Da lectura dos artigos que constitúen este A Fondo,  queda a sensación de que estamos nunha fase de creación de sinerxías, de abandono de compartimentos estancos, de creación de conexións.

Cara á unha nova lei de Patrimonio Cultural

-Neste A Fondo entrevístase a Carlos Varela, fiscal superior de Galicia, sobre a situación do patrimonio cultural galego. Unha das cuestións que aborda é a nova lei de patrimonio que neste momento se está a xerar. A que coidas que se debe o atraso na súa aprobación?

-Realmente non o sei. O proceso está sendo un pouco opaco en xeral. Gustaríame saber por que vai tan atrasada. Hai que ter en conta que hai aspectos da anterior lei que non están desenvolvidos, como o acceso público ao inventario. O sector debe ter un marco claro no que poder desenvolver a súa actividade. Que estea pendente da aprobación dunha nova lei, xera incapacidade de poder mirar a media ou longo prazo. Por outra banda, neste momento, o diñeiro que a Xunta destina á defensa do patrimonio cultural é mínimo. Esa nova lei debera estar instrumentada orzamentariamente para poder afrontar o seu propio futuro, e cos orzamentos actuais é moi difícil aplicar case nada.

-É necesaria esta nova nova lei para o patrimonio cultural?

-A lei anterior tivo uns cantos elementos relativamente imprecisos que xeraban confusión, pero non sei se esa vai ser a liña na que vai esta nova lexislación. A lei anterior ten dúas décadas, e o mundo do patrimonio, mesmo o propio concepto, cambiou.

"A Xunta convértese na propia destrutora do patrimonio cultural e, como non se pode denunciar a si mesma, queda todo no aire. Despois explícalle a un paisano que non pode facer estragos mámoas."

-O fiscal superior de Galicia fai referencia aos delitos que se cometen en relación co patrimonio. Cales son para ti, ao respecto, as principais problemáticas?

-Hai, respecto a esta cuestión, problemas estruturais e problemas que se poden solucionar de modo moi sinxelo. Unha boa parte do que ten que ver co mundo do delito vai ser moi difícil de solucionar en Galiza, onde o patrimonio está moi disperso, sobre todo o eclesiástico. Na medida en que haxa mercado negro vai haber delincuentes, e a veces perséguese mais os delincuentes que os compradores no mercado negro. Despois hai problemas de solución máis doada que non se solucionan.

-A que te refires?

-Os departamentos de Medio rural e Cultura da Administración autonómica non teñen unha comisión interdepartamental que traballe de maneira conxunta. Medio Rural fai pistas, como os cortalumes, en xacementos arqueolóxicos. Mais a Xunta non se pode multar a si mesma. O inventario do patrimonio cultural galego non está xeolocalizado. Segue estando só en papel e só se pode consultar de forma parcial desprazándose ao lugar no que se encontra. Non se pode fotocopiar, hai que copiar as fichas a boli. A Xunta convéertese na propia destrutora do patrimonio cultural e, como non se pode denunciar a si mesma, queda todo no aire. Despois explícalle a un paisano que non pode facer estragos nas mámoas. É un problema que se pode solucionar cunha vontade política 

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios