“As universidades galegas no top ten de I+D+i, ese sería o titular que gostaría de ler no Sermos”

Angeles Saavedra Places, profesora titular de Informática do Laboratorio de Bases de Datos da UDC. Lectora e asinante de Sermos Galiza fálanos das posibilidades do xornal dixital.

Angeles Saavedra Places
photo_camera Angeles Saavedra Places


Angeles Saavedra Places acha que nun futuro non moi distante as cafetarías proporcionarán aos seus clientes acceso á prensa dixital á que estea subscrita, mentres estean no local, tal e como o fan agora coa prensa escrita.

As veces que teño visitado a facultade de informática teño observado moita máis presenza de alumnos do que alumnas. É a informática unha carreira predominantemente masculina?

Informática tivo sempre unha porcentaxe de alumnas moi baixa, que foi a menos cando pasou de licenciatura a enxeñaría e que aínda non recuperou co grao, mesmo máis baixa que noutras titulacións como enxeñaría de minas ou camiños. Un dos problemas é a imaxe que a sociedade ten da informática. Vennos como “friquis” que pasan día e noite a programar enfrascados nunha pantalla ou a arranxar algo do hardware (a cacharrear). Esta imaxe, que está alimentada tamén por algunha que outra serie de televisión, afecta a matrícula de estudantes en xeral, mais principalmente a das rapazas que, claro, non ven nada atractiva a profesión. Prefiren escoller arquitectura, medicina, mesmo telecomunicacións, etc. que son vistas como profesións de moito máis prestixio.

O traballo feito polo Laboratorio de Bases de Datos anda por bibliotecas dixitais, casas museo, desenvolvemento de xogos, interfaces de consulta etc. Tamén algunha ferramenta para a xestión de xornais dixitais?

Si, trátase dunha ferramenta moderna da que hai que destacar: a súa versatilidade para crear noticias complexas nas que a información se ofrece en formato multimedia, non só textual; a flexibilidade para as presentar a pantalla completa ou organizadas por columnas de forma automática sen as ter que reeditar; e a capacidade de busca que ofrece tanto pola súa temática como por onde se produce a noticia, xa que as permite localizar no territorio. Tamén ofrece moitas posibilidades de difusión das novas, desde as redes sociais, o correo electrónico ou a través de servizos RSS.

Como o resto do software que desenvolvemos, está completamente deseñado por nós e construído desde cero.

Vostede é subscritora de Sermos Galiza e forma parte do que chamamos Comunidade Sermos. Con tanta ferramenta informática en que anda metida, que razóns daría para a permanencia da prensa escrita en galego?

A principal sería para que se poida beneficiar dela unha porcentaxe aínda moi alta de xente que non está habituada á lectura dixital e le exclusivamente en papel.

Após dous anos de presenza diaria na rede e semanalmente no quiosque, que valoración lle merece o proxecto Sermos Galiza?

Diría imprescindíbel para os galegos e galegas nos enteirarmos e mantérmonos informados da realidade co único filtro e a análise de que supón e como nos afecta, aos galegos e ás galegas, todo o que está a pasar.

Gústame a prensa en papel para ler as noticias con tempo e a fondo, o cal encaixa co obxectivo do semanario Sermos ao que estou subscrita.

Considera que están na mesma relación libro dixital / libro en papel que xornal dixital / xornal en papel?

Son escenarios diferentes. De momento, son os xornais os que máis están a aproveitar as posibilidades do dixital ofrecendo funcionalidades que non son posíbeis na prensa en papel. Os libros dixitais, en cambio, son na súa maioría (hai excepcións) reproducións exactas da versión en papel.

Vostede cal prefire, ou en que circunstancias gusta máis de unha do que outra opción?

Persoalmente, gústame a prensa en papel para ler as noticias con tempo e a fondo, o cal encaixa co obxectivo do semanario Sermos ao que estou subscrita. Porén, tamén me gusta a prensa dixital para o diario polo accesíbeis que están as novas e, polo tanto, pola inmediatez coa que chegan. No caso dos libros, prefiro ler en dixital os textos de traballo, e deixar para o papel a lectura do tempo de lecer.

Está lonxe o día en que, por exemplo nunha cafetaría, toda a prensa sexa dixital e as propias mesas en que pousemos o café dispoñan de dispositivos lectores?

Non é ciencia ficción, tecnicamente é posíbel, mais apostaría porque cada quen levará o seu propio dispositivo de lectura no bolso. Será a cafetaría, iso si, quen proporcione aos seus clientes o acceso á prensa dixital á que estea subscrita, mentres estean no local, tal e como o fan agora coa prensa escrita. Isto podería ser unha realidade xa.

Dígame unha nova que lle gustaría ver en Sermos Galiza
Como se achegan as vacacións e as viaxes, pois que Galiza conta cun grande aeroporto internacional conectado por tren/etc. coas principais cidades do país.

E un titular?
Por exemplo: As universidades galegas no top ten de I+D+i.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios