JUAN VALDÉS, PREMIO DE CIENCIAS SOCIAIS DE CUBA

“A UE estivo e estará subordinada á política exterior de EEUU cara a Cuba"

O A FONDO desta semana -disponíbel aquí- analisa a situación en Cuba. Coordénao Xulio Ríos, director do IGAI.

juan valdés para web

Reproducimos a seguir a entrevista que Xulio Ríos lle realizou ao sociólogo e premio nacional de Ciencias Sociais e Humanísticas de Cuba, e que fai parte do A Fondo sobre a maior das Antillas que publicamos esta quinta feira 12 de marzo.

Ninguén como Juan Valdés para analizar as claves da nova etapa que se abre na Illa. Este sociólogo cubano, fundador nos 60 da revista Pensamento Crítico e figura principal téorica durante dúas décadas do Centro de Estudos sobre América, revista nesta entrevista as expectativas, os retos e os medos da Cuba post-bloqueo.

-Tras o anuncio de reapertura das relacións entre Cuba e EEUU ábrese un novo escenario. Que expectativas lle suxire a nova etapa que agora comeza?

-Esta etapa caracterízase por unha alta incerteza. Nela compréndense a normalización das relacións diplomáticas, así como prolongadas negociacións acerca de numerosos contenciosos. Ao longo dese proceso ambas as partes perseguirán os seus propios e expresos obxectivos. Un desenlace óptimo sería as dúas obtiveran algunha ganancia.

-Pode Cuba temer máis o desbloqueo que o bloqueo?

-Cuba resistiu os danos do bloqueo. É o presidente Obama quen expresou a súa vontade política de suprimilo aínda que non se espera que o logre de inmediato. O desbloqueo será un beneficio político e económico tanto para Cuba como para EEUU. O escenario posbloqueo exporá novos desafíos ao réxime cubano pero estará nas súas mans confrontalos.

-En que medida pode afectar o proceso de actualización económica en curso?

-No plano económico só pode beneficialo, tanto directa como indirectamente. Estimouse que unhas relacións económicas plenas entre Cuba e EEUU poderían influír entre  un 0,5 e un 0,6 % do PIB. Por outra banda, suponse que a parte cubana sosterá unha estratexia que limite cuantitativa e cualitativamente o peso de EEUU na futura economía cubana.

"O desbloqueo será un beneficio político e económico tanto para Cuba como para EEUU. O escenario posbloqueo exporá novos desafíos ao réxime cubano pero estará nas súas mans confrontalos."

-Que papel pode desempeñar a diáspora cubana en EEUU na aceleración da supresión do bloqueo e na reactivación económica de Cuba?

-A opinión pública desa diáspora é favorábel á supresión do bloqueo. Os sectores dereitistas dela tratan de sostelo. A participación desa diáspora na economía nacional será crecente aínda que máis limitada no interno que no externo. De feito, o fluxo de remesas está a capitalizar a parte do emerxente sector de traballadores e traballadoras por conta propia.

-Cal foi a reacción social interna a este anuncio?

-A reacción social interna foi altamente favorábel aínda que con distintos graos de reservas. A evolución de ambas as dúas terá que ver coas propias negociacións e sobre todo, coa postura de EEUU respecto das premisas expostas por Cuba de incondicionalidade e subordinación aos principios do dereito internacional, principalmente: igualdade entre os Estados, o pleno respecto á soberanía, libre autodeterminación nacional e a non intromisión nos asuntos internos do outro.

-Como cre que pode evolucionar a actitude da sociedade ante o estreitamento das relacións bilaterais?

-Non debemos esquecer que as súas respectivas posicións diferéncianse pola perspectiva desde as cales definen as súas respectivas políticas nacionais e internacionais. Dun lado, un Estado imperial que desenvolve as súas políticas en función dos seus intereses e eficacia. Do outro, un pequeno Estado que trata de compensar a asimetría de poderes entre ambos mediante políticas de resistencia e a defensa dunha orde internacional equitativa. O Goberno cubano recoñeceu diferenzas irredutibles entre EEUU e Cuba, tanto de concepcións como de intereses, pero propuxo o principio de “convivencia civilizada” entre ambas as nacións e convocou á normalización das súas relacións. Por outra banda, a nación cubana e o réxime revolucionario terán que enfrontar o secular desafío da influencia da cultura norteamericana na sociedade cubana, polo demais promovida intencionadamente.

"O Goberno cubano recoñeceu diferenzas irredutibles entre EEUU e Cuba, tanto de concepcións como de intereses, pero propuxo o principio de “convivencia civilizada” entre ambas as nacións"

-Que claves políticas destacaría da nova etapa?

-Serían moitas as claves políticas que cumpriría sinalar. Destacariamos entre outras: o establecemento de relacións diplomáticas normais; a posición de EEUU de perseguir iguais obxectivos en Cuba por outros medios; a reticencia de EEUU a negociar a axenda expresada polo Goberno cubano; a cooperación de Cuba e EEUU nalgúns campos de interese mutuo; a localización da nova política cara a Cuba no marco da estratexia norteamericana de recuperación hexemónica en América Latina e o Caribe; o sostemento por Cuba das súas posicións políticas e proxecto de sociedade...

-Afectará o novo escenario á caracterización do modelo político que acompañe ao afondamento na “actualización”?

-A “actualización” do modelo económico cubano e a instauración dun novo modelo económico a partir do 2016 demandarán paralelamente a reforma do actual modelo político e, eventualmente, a promoción dun novo modelo. Estes cambios responderían á lóxica dun maior desenvolvemento democrático da sociedade cubana, como está no seu proxecto de nación e na crítica cidadá á  súa propia experiencia de socialismo. A promoción por EEUU do seu modelo neoliberal estorbaría devandito desenvolvemento endóxeno.

" A nación cubana e o réxime revolucionario terán que enfrontar o secular desafío da influencia da cultura norteamericana na sociedade cubana, promovida intencionadamente."

-Pode condicionar o novo contexto as relacións de Cuba con actores externos, especialmente a UE ou outros?

-Un novo contexto de relacións entre EEUU e Cuba afectará o conxunto das relacións internacionais, tanto a nivel bilateral como multilateral. Seguramente, a UE e os seus países membros terán que adecuar as súas relacións con Cuba ao novo escenario de relacións e negociación entre Cuba e EEUU. De feito, a política da UE estivo subordinada á política exterior de EEUU cara a Cuba e seguirao estando.

*Autoría da foto: Foto de Elisa N. Cabot cedida por El viejo topo

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios