"Traballar con prensa en galego nas aulas é imprescindíbel"

María dos Anxos González Refoxo naceu na Porta dos Mariños no lugar de Pazos, no concello de Padrón. Catedrática de Lingua e Literatura, guionista de audiovisual, é accionista de Sermos Galiza e lectora habitual

 

anxa2(1)

-Após dous anos de presenza diaria na rede e semanalmente  no quiosque, como valora o proxecto Sermos Galiza?

Conformar un País pasa pola normalidade da súa lingua. Sermos Galiza paréceme un esforzo extraordinario para defender un deses espazos de normalidade.

-Sermos é o único semanario en lingua galega, como ve a realidade da
lingua na imprensa deste país?

-Simplemente anecdótica. No ámbito dixital ten bastante máis presenza porque manda a actitude persoal e non os grandes poderes político-económicos.

-Na actualidade hai quen prognostica a desaparición dos textos xornalísticos impresos. Vostede que razóns daría para a permanencia da prensa escrita en galego?

O xornal impreso ten e seguirá a ter a certo prazo moitísimo consumo lector diario. Esta lectura -e a través dela, a interpretación do mundo- estase a facer en Galiza desde outra lingua; é indispensable facela desde a lingua propia.

-Vostede ten participado en importantes proxectos no campo da innovación educativa e obtido premios no campo audiovisual. Utiliza a prensa, quer a escrita quer a dixital, no seu traballo diario na aula?

-As dúas, a escrita e a dixital. O alumnado ten que coñecer as características dun tipo de texto que forma parte diaria das súas vidas, e é ademais unha grande ferramenta educativa  para reforzar actitudes críticas.

-Cal pensa, neste aspecto, que pode ser a aportación de Sermos Galiza? Recomendaría vostede traballar con Sermos na aula?

-Claro que o recomendo por todo o que levo apuntado, e no ensino é imprescindible. En todas as etapas do ensino entra no curriculo de Lingua e Literatura Galega o coñecemento deste medio de comunicación e nos últimos anos nin tiñamos a posibilidade de levar un xornal en galego á aula.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios