“Son subscritor de Sermos porque é un proxecto que hoxe é máis necesario que nunca”

Ramón Fernández Alfonzo ou Mon da CIG, como o coñece todo o mundo, é accionista e subscritor de Sermos Galiza, alén de ser un dos valiosos activos da Comunidade Sermos.

Mon
photo_camera Mon

Mon procura novas subscricións, organiza presentacións do medio, trae novas do eido sindical e, sobre todo, traballa activamente na difusión do proxecto cun só obxectivo: consolidar Sermos para termos un medio galego. Falamos con el un anaco tras unha asemblea de delegados/as en Ferrol

Estamos nun momento moi confuso e poden ser necesarias algunhas aclaracións, xa que, socialmente se insiste en meter no mesmo saco a todas as persoas que traballan nun sindicato. Poderías aclarar brevemente en que consiste o traballo de liberado sindical na CIG?

Fago de todo (ri)… Eu son liberado sindical pola federación do metal. O sindicato págame un salario para dedicar a xornada completa ao traballo sindical, isto vai desde atender a todos/as os afiliados/as e axudarlles nas consultas e problemas diarios, até o traballo no afortalamento da liña estratéxica e política do sindicato a través da organización de actos que, precisamente, contribúan a iso. Isto aquí é moi necesario e axuda a comprender a situación da industria en Ferrol.

"A liña de Sermos é a axeitada. O único que lle faltan son recursos, de ter máis recursos seguro que habería máis inmediatez, máis novas"

Sermos Galiza é o único semanario en galego. A prensa é un elemento importante na conformación da opinión social. Pensas que máis prensa galega levaría a máis conciencia nacional?

Por suposto. Coincido na afirmación. Semella lóxico quererte ver reflectido nos medios de comunicación convencionais, non so nos medios, tamén, na música, no cinema, na arte…  a xente quere verse reflectida en todos estes soportes e mesmo poden chegar a imitar algún modelo transmitido. Se o propio, se a nosa  identidade vai desaparecendo, se se vai diluíndo, pódense chegar a perder as referencias propias e irmos pouco a pouco desaparecendo.
 

Sermos Galiza aspira a convertese nun medio referencia para a clase traballadora, cres que é posíbel?

Si, claro que é posíbel. Calquera proxecto empresarial é difícil, moito máis se este proxecto é editorial, e aínda moito máis se pretende amosar unha realidade crítica próxima á clase popular galega. Mais é o único camiño, hai que poñerlle ganas, ilusión e esforzo.

En que pode axudar a existencia dun semanario en galego e centrado na información  en clave propia ao desenvolvemento do teu traballo?

Todo o que signifique darlle publicidade aos problemas reais dos/as traballadores/as axuda, dá perspectiva do que acontece. Mais Sermos é máis do que iso, menos mal, non todo ía a ser desgrazas (ri) tamén hai cultura, propostas de lecer, críticas de cinema… en fin unha oferta completa.

Que contidos introducirías en Sermos para se aproximar máis á clase traballadora?

Eu coido que a liña é a axeitada. O que lle faltan son recursos, para min é cuestión de medios, de termos máis medios, seguro que habería máis inmediatez, máis novas… En fin non creo que sexa problema de contido senón de medios materiais.

Con que nova che gustaría que abrise mañá Sermos Galiza? Ponlle titular

Sen dúbida a constitución dun Parlamento Galego en sesión formal, formal, formal, con alfombra vermella e todo… co que faga falla para escoller o primeiro Presidente da República Galega, ou mellor aínda, para facelo máis perfecto,  a escolla da primeira Presidenta da República Galega, iso si que sería rachar con todo.

Ti es subscritor de Sermos, por que decidiches facelo?

Por axudar a consolidar o que coido é un proxecto necesario hoxe máis que nunca. Prefiro deixar outras cousas e deitarme todas as noites pensando que por min non vai ser, que por min imos ter un xornal propio en galego e noso. Así durmo máis tranquilo.

Como  sabes, para nós é  básico conseguir consolidarnos como semanario, o obxectivo fica claro mais o camiño é difícil. Ti, que lle dirías a alguén para  que se fixese asinante?

Hai que ser práctico (ri) depende da persoa que teñas diante, hai que comunicar do mellor xeito, a cada quen o que lle vaia mellor, política, viaxes, música … hai que ser prácticos!

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios