"Ou somos medios sociais ou non seremos"

O director do Debate de Irmandade TV, Aurélio Lopes, entrevistou o director de Sermos Galiza, Xosé Mexuto, co gallo do número 100 do semanario. VÍDEO NO INTERIOR.

Entrevista
photo_camera [Imaxe Irmandade TV]

"Sermos é produto dun impulso social" e "dunha constatación" que é a de Galiza ter unha lingua de seu, "aínda hoxe maioritaria", mais "minoritaria na oferta informativa". Así se expresaba Xosé Mexuto, director de Sermos Galiza, na entrevista que Irmandade TV lle fixo con motivo do número 100 desta publicación. 

O director do único semanario en papel integramente en galego conversou con Aurélio Lopes arredor das motivacións que fixeron xermolar este proxecto xornalístico que cumpre xa dous anos de andaina nos quiosques do país. Mais tamén, arredor dos retos que ten por diante o xornalismo feito en Galiza perante a crise económica que atinxe o país e o propio sector da información. 

"Comunidade Sermos constitúe a base na que cimentar este proxecto"

Para Xosé Mexuto, o desenvolvimento de Sermos Galiza nestes dous anos viuse moi condicionado por ter aparecido "no medio da crise máis profunda do capitalismo occidental". Porén, para o director de Sermos Galiza o futuro do propio proxecto pasa por ser quen de abrir máis o "leque" e sumar máis xente ao que desde o xornal denominan 'Comunidade Sermos', "un mundo social" que constitúe", sinalou, "a base" na que "cimentar" e alicerzar un medio de comunicación "autocentrado" que procura facer, explicou, "un xornalismo obxectivo, mais non neutral". 

"Ou somos medios sociais ou non seremos", salientou Xosé Mexuto. Eis o "ingrediente" co que entende poderá viabilizarse un proxecto en termos empresariais e convertelo nun medio de referencia para o país que reflicta "unha forma propia de interpretar a realidade e contar historias". 

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios