#sermos140: os poemas franquistas de Filgueira Valverde

Adiantamos poemas de exaltación do réxime de Franco escritos por Filgueira, falamos de violencia machista, crónica do congreso do SNP, nova xeira de Irmandade TV... Todo isto e moito máis, neste número. Xa á venda na nosa loxa.

capa

O número 140 do semanario Sermos Galiza xa está na rúa e na nosa loxa. O Tema da Semana analiza como a falta de coordenación e de transversalidade nas axudas a mulleres en situación de violencia machista marcan a realidade das que denuncian. Unha reportaxe completada cun artigo de Iria Vázquez, colaboradora da Rede de Mulleres contra os maos tratos.

En ‘As Mareas encallan na confusión’ falamos das primarias sen opción a elixir a cabeza de lista na Coruña, Santiago e Vigo, das acusacións de carretaxe e descomposición en Ourense, e dos conflitos entre siglas e a impresión xeral de que os partidos moven os fíos por detrás.

Os ‘galisisk’

‘Os 'galisisk': dez mil galegos contra o Reino de Noruega'. O país máis igualitario de Europa nega dereito a pensión aos 10.000 galegos que traballaron décadas na súa mariña mercante, cotizando nese país. Contamos a pugna dos 'galisisk', os galegos que queren levar Noruega perante o Tribunal de Estrasburgo.

Na sección de comarcas falamos de por que a Xunta asegura non poder construír o novo centro de saúde de Narón comprometido por Feijóo en 2012., e tamén deitamos os ollos sobre Someso: ‘unha pelotada urbanística entre Negreira e Vázquez’.

O final da cota láctea e a realidade estatística da pesca galega centran dúas reportaxes, centradas en sectores fulcrais da economía do noso país.

Nova etapa de Irmandade TV e Ribeira Sacra Breogán

En ‘Irmandade TV arranca a súa nova aventura’: 17 de abril comezará a emitir a renovada programación do proxecto xornalístico en galego, que poderá seguirse en varias canles de TDT comarcais e por cabo no operador R.

E en ‘Dúas equipas galegas na ACB?’: O Ribeira Sacra Breogán aínda ten opcións de ascender directamente. Entrevistamos Álex López, xogador do club lucense, confesa que “"Non hai máis segredo que a ilusión e o traballo do grupo".

Pilar Fernández fai unha crónica sobre a Conferencia do SNP, na que tomaron parte máis de 3.000 delegad@s da formación independentista escocesa. “O único xeito de facer tremer os muros do stablishment é votando SNP”.

“Filgueira Valverde quixo desfacerse da autoría dos poemas franquistas e atribuíullos a Noriega Varela”

Na sección Textos publicamos fragmentos de tres poemas de exaltación do réxime de Franco que o profesor Freixeiro Mato atribúe a Filgueira despois dunha profunda investigación. O investigador afirma na entrevista que Filgueira “fai exaltación de Franco desde a súa condición de galego. Aí está toda a ideoloxía galeguista e ultracatólica de Filgueira”.

Na sección de Okapi falamos de ‘Maimiño’, a película de animación que vai de Galiza a Cuba. E co colectivo XEA percorremos o Val de Visuña, a outra cara do Courel.

E para poñer o ramo, na nosa contra-capa entrevistamos Fran Fernández, de Bubela Artesá. Dun anaco de terra en Friol (Lugo) e moito traballo no obradoiro, saen 30 quilos de pastas de trigo ao día e, nun futuro quizais próximo, tamén cervexa artesá con centeo e lévedo galegos. "Temos un medio rural cun potencial inmenso".

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios