#sermos138: A ‘doma e castración’ do Parlamento de Galiza

Falamos do recorte de dereitos no Parlamento, de transexualidade: xénero e identidade musical, debruzamos sobre o que supón o TTIP, entrevistamos o xornalista e escritor Fran P. Lorenzo e o alcalde de Mondoñedo. Xa na nosa loxa. 

unnamed

Xa saíu do forno o Sermos Galiza número 138, que podes adquirir nos quioscos ou na nosa loxa. No Tema da Semana analizamos a lexislatura do silenciamento da Cámara galega como foro de debate e alternativas e da súa conversión nunha simple extensión validadora do goberno. Unha estratexia a base de recortes en dereitos da oposición e de belixerancia que ten en Pilar Rojo unha figura chave. Un artigo de Carme Adán (...porque o digo eu...), deputada do BNG expulsa recentemente do Pleno do Parlamento, acompaña a reportaxe.

Facemos un percorrido polas comarcas do País e falamos de como o Concello de Ferrol pagará máis aínda polo convenio co Ministerio de Defensa, da ameaza de fractura no empresariado pontevedrés ou da terceira ronda da Coruña, “que chega tarde, incompleta e electoralista”.

En ‘Transexualidade, a batalla en defensa das identidades de xénero’ achegámonos ao nacemento da Asociación Chrysallis na Galiza, integrada por familias con crianzas transexuais, que se suma á loita de activistas transfeministas como a de Laura Bugalho. Con ela e Cristina Palacios, presidenta de Chrysallis, falamos de diversidade de xénero.

Povisa, TTIP, percorrer o río Chaca

Mergullámonos no conflito de Povisa e en ‘O euro e as lições da história’ Alexandre Abreu -economista e co-autor do blog Ladrões de Bicicletas- fálanos dunha moeda que “é um desafio ostensivo à História”. Tamén deitamos a vista sobre o TTIP, un tratado que supón máis poder para as transnacionais menos soberanía para os pobos.

E en Deportes, ‘Emevé Lugo, comezar outravolta’ poderás ler sobre este clube lucense de volei que é un caso único, con equipos masculino e feminino na máxima competición. Acompañando, unha entrevista a Víctor Bouza, MVP da última xornada da superliga.

Co Colectivo Xea percorremos unha fermosa zona do Salnés, de Lores a Armenteira polo río da Chaca. Paisaxe, paisanaxe, patrimonio...e muitos muíños de río.

“Teño atracción polos xéneros desprestixiados porque son máis verdade”

En Textos entrevistamos Fran P. Lorenzo, xornalista e escritor que con ‘Cabalos e Lobos’ gañou o premio Blanco Amor. Desta novela publicamos un adianto editoral. “Tiven o convencemento de que esta historia estaba sen contar”, confésanos este vigués residente en Compostela na conversa con Carme Vidal.

‘A Crónica visual do aceite’ achegámonos a ‘Aceite e Oliveiras de Galicia’, que é o título do libro no que Xurxo Lobato retrata a historia e o futuro dun sector cun intenso pasado que se proxecta cara un futuro prometedor. Fantasía, emoción e humor nos “pesadelos” de María Solar protagoniza a sección de Okapi.

E na contra-capa entrevistamos o alcalde de Mondoñedo, Orlando González. “"Quería que soubesen que Mondoñedo existe e tamén ten dereitos" di para explicar por que quitou un cartaz para reivindicar melloras na A8 nun acto con presenza de Feijóo e Ana Pastor.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios