#sermos133: Alternativas a Sogama? Si, existen

Máis un número do semanario. Reportaxes sobre a manifestación do #8F e o día despois, entrevistamos Fernando Cimadevila; corremos o Entroido en Laza e falamos dos Goya con quen o viviu de perto.Xa á venda na nosa loxa.

unnamed

O semanario Sermos Galiza chega ao nº133 e faino cun amplo tratamento da masiva manifestación pola lingua do #8F. Unha crónica da mobilización, as chaves do día despois, entrevistas a persoas que acudiron de todos os recunchos de Galiza á cita en Compostela, galería de fotos e opinión de Xosé Mexuto, director de SG.

En ‘Feijóo e outra crise de goberno deslucida’ falamos de como o presidente da Xunta segue sen rodearse de políticos con proxección e insiste en recambios técnicos para solucionar a necesidade de conselleir@s.

Sogama. Hai alternativas? Nese tema debruzámonos en ‘Reducir, reciclar e reutilizar, a alternativa a Sogama’. Analizamos os diversos concellos do país que pulan por un outro modelo de xestión dos residuos que vire as costas á incineración. Un artigo de Manolo Soto, profesor na Universidade da Coruña, debulla as alternativas ecolóxicas e económicas para a xestión do lixo en Galiza.

100 días

En ‘As municipais collen forma a 100 días das urnas' centrámonos nunha precampaña que xa é case un feito logo de PP, PSOE e BNG fecharen a maioría d@s cabezas de cartel e, no caso nacionalista, tamén un programa marco. Algunhas Mareas vanse clarificando e Podemos elixe dirección galega esta fin de semana. Entrevistamos Susana García, candidata do Bloque-Asembleas Abertas en Ourense.

‘As pescudas polo asasinato de Jimmy desmontan a versión madrileña’. As informacións que se van coñecendo sobre a investigación policial do crime do Manzanares avala a existencia dunha emboscada de neo-nazis de varias latitudes contra os Riazor Blues, algúns dos cales foron chamados de novo a declarar e cuxo avogado asegura que “non hai ningunha proba da quedada” da que tanto falaron medios españois.

En Tecnoloxía analizamos os grandes avanzos na investigación de dispositivos que achegan solucións de emerxencia para comunicarnos sen fronteiras. En Viaxes na Miña Terra percorremos con novos ollos a Terra Chá de Manuel María

Os mundos fantásticos

Na sección de Textos entrevistamos a Fernando Cimadevila: ‘’A vida real precisa camiñar polos bosques máxicos da literatura fantástica’’. Publicamos un adianto de ‘A batalla por Avalón’ (Urco), o ecuador da pentaloxía de fantasía ‘O mundo secreto de Basilius Hoffman’. Despois de ‘O ladrón de soños’ e ‘Un faro na escuridade’, as aventuras do profesor Basilius Hoffman e o seu sobriño Peter continúan neste terceiro libro do que publicamos un adianto.

Entroido

E, como non, vivimos o Entroido. Neste número falamos de cando o entroido se vive a rente de pel coa careta dun peliqueiro.

E na contra-capa, entrevista a María Liaño, que mantén que "fóra seguen a ter rpexuñizos sobre os actores e as actrices galegas".

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios