#sermos130: Novo golpe ao pequeno comercio galego

Máis un nº do semanario saído do forno. Entre moitas outras cousas, entrevistamos o fiscal superior de Galiza, Carlos Varela e a Juan Sosa, activista mexicano polos Dereitos Humanos cuxa actividade lle levou ser detido e torturado. 

Comercio

Un novo número do Sermos Galiza na rúa, o 130, co novo golpe ao pequeno comercio galego como tema de análise central. A desaparición das rendas antigas aboca a pór fin a súa actividade a milleiros de estabelecementos comerciais. “Entre o 15% e o 20% dos negocios, o que non é pouco”, según Francisco Javier Pérez Bello, presidente da Federación de autónomos de Galiza. A avogada Ana Rúa, ex-directora xeral de Comercio, acompaña a reportaxe cun artigo sobre esta cuestión.

En ‘O colapso da sanidade pública deita luz sobre o seu proceso de privatización’ tratamos sobre como o desbordamento das urxencias é máis un síntoma da situación na que os recortes en medios, persoal e servizos sitúan o sistema sanitario na Galiza. Sindicatos, profesionais e colectivos sociais advirten do insostíbel dunha situación da que, lembran, hai responsábeis.

Entrevistamos a Carlos Varela, fiscal superior de Galiza. “ A corrupción política limita o acceso aos centros de decisión a un número reducido de clientelas”. Neste #sermos130 tamén falamos de como o Ministerio de Defensa quer facer caixa a conta dos concellos galegos ou ben dos dous anos de colapsos nos servizos sociais de Vigo.

ERE en Povisa e a realidade de México

María Xesús Neira, presidenta do Comité de Empresa de Povisa, fala nunha entrevista de como este hospital privado que recibe 70 millóns de euros públicos anuais por un concerto co Sergas vai presentar un ERE extintivo “após ter 11 millóns de euros de beneficios”. Tamén entrevistamos a Juan Sosa, activista polos Dereitos Humanos en México, que foi torturado. “Nas prisións mexicanas nons e castiga o delito senón a pobreza”.

Deitamos a vista sobre Grecia na recta final da campaña electoral, achegámonos ao balonmán galego -con entrevista ao seleccionador do combinado infantil feminina- , e da man de Viaxes na Miña Terra percorremos o canón do Oitavén.

Manuel Portas e ‘Amor en Alpargatas’

Na sección de textos entrevistamos a Manuel Portas e publicamos un adianto do seu próximo traballo, ‘Amor en Alpargatas’, editado por Xerais, que en febreiro chegará ás librerías. “A novela pode levar a pensar e, se iso acontece, eu estou satisfeito. Mais a literatura é literatura e o primeiro obxectivo é que se goce con ela”.

E na contra-portada entrevistamos a Ricardo Cascalhar, Deloise, da editora musical ‘Lingua Nativa’. Abrindo orellas e perspectivas cara a Lusofonía e máis alá.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios