#sermos121: TTIP, o neoliberalismo sen control

Tratado de libre Comercio entre UE e EUA, referendo catalán, entrevistas a Chelo Martínez, Alberte Ramos... todo isto e máis neste 121. Xa na nosa loxa.

Capa

Máis un número do Sermos Galiza, o 121. O Tema da Semana debulla o TTIP (Tratado Transatlántico de Libre Comercio e Investimento entre a UE e Estados Unidos). Segundo Washington e Bruxelas, unha oportunidade de medre económico. "Non é un acordo comercial. De se aprobar, non volverá haber democracia", alertan @s opositor@s. O economista Adrián Dios analiza este acordo no artigo ‘O lobo ao coidado das galiñas’, que acompaña a reportaxe.

Entrevistamos a Chelo Martínez, deputada do Parlamento galego que se deu de baixa en AGE para pasar ao grupo mixto. Unha decisión adoptada, afirma, após constatar como o que "nacera como nova fórmula política" acabou 'fagocitada' por Esquerda Unida.

En ‘Unhas bateas que ninguén quere’ falamos de como as confrarías de Ferrol e Barallobre están cada vez máis afogadas polas perdas que provoca a reinstalación impulsada pola Xunta.

Carreira “falsa” na Universidade de Vigo

Unha vintena de persoas afectadas veñen de querelarse por estafa e falsidade documental contra o director da suposta titulación oficial que se impartía na Universidade de Vigo. Un tema que abordamos neste semanario. Tamén escribimos do proceso de privatización que paira nas Cámaras de Comercio ou da compra-venda a traés de internet.

O futbol galego feminino hai tempo que deixou de ser, se algunha vez o foi, unha anécdota. Mergullámonos neste deporte, cada vez con máis particantes e siareir@s. Catalunya e a cita co 9N é o noso tema principal na sección internacional, con opinións de Vicent Pardal (director de Vilaweb) e Salvador Cot (director Nació Digital) incluídas. En Viaxes na Miña Terra navegamos polo Sil e a súa inmensa fermosura

“A materia prima da literatura e o xornalismo é a mesma, unha real e outra deformada” confésanos Alberto Ramos nunha entrevista. Con ‘Máscaras rotas para Sebastian Nell’, o escritor e xornalista fíxose co Premio de Novela Manuel García Barros. Na súa cuarta novela, todas premiadas e publicadas, Ramos recoñece dar un pincho e acadar unha altura literaria que nin el mesmo sospeitaba. Mergullado no mundo teatral inglés, Ramos artella unha obra na que se conta a biografía dun autor a través dunha longa entrevista.

NHU e Xabi Queiruga

Achegámonos a NHU. José Ferreiro -batería, voz e frauta traveseira- , Roberto Abal na guitarra, Xoán Piñón a guitarra eléctrica, Julio Ferreiro na percusión, Tino Grandío no baixo, Cuchús Pimentel na guitarra, Emilio Cao ao baixo, Antonio Bretch na guitarra eléctrica e  Xurxo Pérez como organista compoñen a nómina dos integrantes da banda de rock progresivo dos anos setenta en Compostela que recibirá o Premio Honorífico da Música na súa segunda edición. 

E entrevistamos a Xabi Queiruga. De Arousa, boa xente e editor galego en euskera. 

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios