#Sermos114: Monte Pindo un ano despois da traxedia

Neste nº percorremos o monte sagrado dos Celtas 12 meses despois do incendio que o arrasou, conversamos con Xurxo Souto e falamos dos ‘enchufes’ de Carlos Negreira. Iso, e moito máis, neste semanario. Xa á venda na nosa loxa. 

Capa

Un ano despois da traxedia que o arrasou o Monte Pindo ten que facer fronte a perigos como a eucaliptización e o desleixo institucional. Falamos con membros de Monte Pindo Parque Natural e co xornalista Manuel Gago sobre este espazo único no país.

Neste número tamén falamos do novo pau na roda do pequeno comercio galego, a extinción dos alugueres de renda antiga. E de como a Xunta deixou de presumir de exportacións e por que.

Entrevistamos a Antom Fente (Liviao do Marrao), que afirma que o bravú “convida a expresarnos sen medo e sen medo a que nos capen”. E non se pode citar a palabra Bravú sen acabar falando de Xurxo Souto. Conversamos con el a raíz do seu último libro, ‘Contos do Mar de Irlanda”. “Irlanda é central na cultura galega, case unha obsesión, mais ninguén lle preguntara aos mariñeiros, que eran os que de verdade a coñecían”.

O Recuncho de Sechu Sende e a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica

Da man do escritor Sechu Sende imos coñecer a Volta Grande do Courel. E con Viaxes na Miña Terra descubrimos a charca de Alligal, en Codesido, na Terra Cha.

E imos até Escocia, que está a escribir a súa propia historia como pobo e como está a abrir camiños para Gales, Cornualles e mesmo Irlanda. Analizamos o día despois da Diada máis reivindicativa en Catalunya. E publicamos un artigo de Gerry Adams, lider do Sin Feinn.

E moito máis: Pontenube, a cidade cun festival cunha guerra de almofadas, falamos con Telmo Comesaña, da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica: “Se Caballero quere recorrer que recorra, pero está pleiteando cos cartos da cidadanía viguesa”

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios