#Sermos113: Unha Volta ao Cole con máis recortes

O comezo do curso escolar vén marcado polos ataques ao ensino público, un tema que tratamos en profundidade neste nº do semanario no que entrevistamos a Xabier Queipo e a Teresa Gómez-Lión, ex-deputada do PP que demitiu pola traxedia de Angrois. Xa podes adquirilo na nosa loxa.

CAPA

Máis recortes e menos ensino público marcan a Volta ao Cole en Galiza. Falamos con profesorado, familias, sindicatos...para trazar unha radiografía da situación da educación no noso país. Ese é o tema da semana deste Sermos nº113.

Un número no que entrevistamos a Teresa Gómez-Lión, ex-deputada do PP que demitiu pola traxedia de Angrois. “ “Nin o PP nin o PSOE queren profundizar na democracia, só queren maquillar o sistema” afirma.

‘Un ano de loita contra os abusos bancarios’ é unha reportaxe na que Cristian López escrebe da plataforma contra as claúsulas solo en Vigo, que celebra un aniversario no que se conseguiron as primeiras sentenzas favorábeis para as persoas afectadas.

Unha familia rica

O Pazo de Meirás non é a única propiedade que a familia Franco posúe en Galiza: Un palacete en plena cidade vella coruñesa ou un chalé en Oleiros son algunhas das propiedades do clan, para alén da casa natal do ditador, en Ferrol.

Da man de Iago Varela vén ‘ Pegasus: controlando o tráfico desde as alturas’. Sermos Galiza acompaña durante unha xornada o equipo responsábel do helicóptero da DXT con base en Alvedro para descubrir como funciona a súa dotación tecnolóxica.

‘A Diada definitiva’, de Rodri Suárez, achégase aos centos de miles de persoas que tomarán as rúas de Barcelona este 11 de Setembro para reivindicar a independencia de Catalunya e o dereito a decidir.

Da man de Cilia Torna achegámonos até a ‘República Soviética Independente de Galiza, alén da anécdota’.

“As novelas pídenchas desde as editoriais mais ninguén che vai preguntar por un libro de contos” cóntanos o escritor e colaborador de Sermos Xavier Queipo, a quen entrevista Carme Vidal co gallo da presentación do seu último libro, ‘55’ (Xerais).

Penedo das Fatigas

Viaxes na Miña Terra lévanos até o Penedo das Fatigas, na Serra da Raíña Loba. E entrevistamos á ilustradora Patricia Castelao, que participou en libros de Manuel Rivas ou Ricky Martin.

Outra entrevista é a Marcos Rama, da Asociación de Veciños de Lariño, unha parroquia de Carnota que está en loita para evitar a degradación do faro e que as instalacións sexan postas a servizo da veciñanza.

Antón Lopo e Extintiv@s

O xornalista e escritor Antón Lopo inicia nesta semanario sob o nome de Extintiv@s unha serie de entrevistas. A primeira con Emilio Araúxo.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios