#Sermos104: Golpe á democracia en Compostela e unha RAG desconectada da sociedade

Máis un semanario na rúa. Unha crónica de como a maioría da RAG rachou coa cultura máis viva co nomeamento de Filgueira Valverde e o acontecido en Compostela, entre os temas. Xa á venda na nosa loxa. 

Capa_SG104

Sermos Galiza chega ao número 104 co acontecido en Compostela (toma de posesión do terceiro alcalde neste mandato) e na Real Academia Galega (Día das Letras para Filgueira Valverde) como temas principais, mais non únicos. A toma de posesión do novo alcalde de Santiago xunto a sete concelleir@s que non foron elixid@s nas urnas pon un triste ramo á decadencia política de Santiago, con tres alcaldes do PP en tres anos e a policía acosando a quen protesta e mesmo detendo a dous activistas con violencia, noutra mostra de escalada represiva.

Tamén debullamos a escolla de Filgueira Valverde para o Día das Letras de 2015. Unha escolla que fai máis evidencia a nula conexión do grupo de Alonso Montero cos axentes máis comprometidos coa promoción da cultura e a normalización da lingua.

Galiza perde bandeiras azuis, a loita da ANPA de O Pino contra a supresión de prazas docentes ou as manobras de Ence para se perpetuar en Lourizán son outras cuestións tratadas neste número, así como a aposta do Concello de Vigo por hipotecar a praia de Samil.

“Fortalecer desde a base a alternativa nacionalista”

Entrevistamos a Bieito Lobeira, secretario de Organización do BNG, para falar do proceso de asembleas abertas impulsadas pola fronte nacionalista. “Queremos chegar a todos os galegos que non se resignan nin a Madrid nin ao Capital”, aponta Lobeira, que acredita en que é a loita das nacións pola soberanía a que está a “facer abanear” o sistema.

Mais non é esa a única entrevista. Falamos con Miguel Penas, presidente de AGAL, sobre a campaña ‘O mundial fala galego’ e uns vídeos que foron xa vistos por milleiros de persoas. E o escritor ferrolán Henrique Dacosta fálanos da súa cuarta novela, ‘Entrada ao Xardín’.

Con Ruben Pérez parolamos de teatro como axente normalizador e co Colectivo Xea viaxamos polo Con Negro, no Grove, unha paraxe única e arousá como poucas.

O acontecido co cesamento de Fernando Vázquez, o festival Titirinoia, a masacre en Palestina ou as contradicións entre o discurso de ‘rexeneración democrática’ de Feijóo e a súa realidade, son outras cuestións que tratamos neste Sermos Galiza nº104

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios