#sermos112: O terrorismo machista, unha cuestión política

Sete mulleres asasinadas no que vai de ano. Falamos coas representantes das diferentes organizacións parlamentares na Comisión de Igualdade sobre a terríbel realidade da violencia machista. Xa á venda na nosa loxa.

Caoa

Xa na rúa e na nosa loxa un novo número de Sermos Galiza, o 112. O terrorismo machista, unha cuestión política é o tema central desta semanario. Falamos coas representantes de BNG, AGE, PSdeG e PP na Comisión de Igualdade do Parlamento galego sobre a violencia machista, un terrorismo que nestes nove meses asasinou a sete mulleres no noso país e 57 no conxunto do Estado español.

O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, aborda con nós o inicio do curso político. Na entrevista con Rodri Suárez, Jorquera debulla as chaves do calendario político dos vindeiros meses e destaca a ofensiva anti-democrática do PP que quer concretar a través das reformas electorais.

Eleccións en Brasil

As eleccións presidencias en Brasil tamén son tratadas no #Sermos112: O PT pon en xogo o seu proxecto de país perante unha Marina que recebe apoios de sectores da dereita. A Autoridade portuaria de Alxeciras recebe en seis anos máis axudas comunitarias que as cinco autoridades portuarias galegas xuntas (Vigo, A Coruña, Marín-Pontevedra, Ferrol, Vilagarcía).

Entrevistamos a Manuel ‘Charrancas’, experto tirador con tirapedras, que aposta por activar unha Liga galega dado o “nivelazo” que existe no País. Tamén falamos de Povisa, que despide a 12 traballador@s ao tempo que renova o concerto millonario coa Xunta.

En Deportes falamos do Barraña Volei Praia, que tornou no referente galego deste deporte. Levan tres anos e esta tempada gañaron o ouro no campionato sub15 estatal e foron primeiros na II Liga Galega de Clubes. Da man do colectivo Xea e Viaxes na Miña Terra damos un paseo a carón do Miño na ecopista Valença-Monçao.

Baixeras

Entrevistamos a Xavier Rodríguez Baixeras, un poeta que nos fala de ‘Para unha luz extinta’, a obra gañadora do XXX premio Cidade de Ourense e da que ofrecemos un adianto. Baixeras recoñece que a poesía “vive momentos de confusión”.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios