Sermos volta aos quiosques esta quinta feira co combate eleitoral de 2015 como argumento

Após o período vacacional, Sermos Galiza sae esta quinta feira ao reencontro coas súas leitoras e leitores co súa entrega número 128.

capa_SG127
photo_camera Capa do número 127

2015 ten dúas citas riscadas en vermello. As municipais de maio e as xerais do inverno, aínda por fixar (neste último caso, Rajoy podería xogar a carta, improbábel de as adiar até xaneiro de 2016).

En calquer caso, imos vivir un ano moi intenso no político e no partidista, con incógnitas moi relevantes por despexar, entre elas a capacidade de resistencia do partido no goberno, un PP que a día de hoxe detenta a maior cota de poder institucional da historia.

Ese será o argumento central do Sermos Galiza 128, un número que tamén lle emprestará atención preferencial á situación do galego, tema dunha conversa en profundidade entre o director do meio, Xosé Mexuto, e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira.

Hai máis: a desatención que sofren as persoas que padecen a hepatite C, a situación de Astano após o fin virtual do veto ou o colapso que se vive no sistema hospitalario en Vigo son outros dos asuntos sobre os que nos debruzamos nesta nova entrega do único semanario en lingua galega.

Por suposto, o número incluirá as súas seccións habituais, desde o Espía nos Quiosques até Viaxes na Miña Terra.

Tamén como de costume o Sermos estará xa esta noite a disposición de leitoras e leitores, en formato pdf, na nosa loxa.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios