“Sermos ten a súa razón de ser, sempre que as lectores e lectores agarden a súa saída cada semana con impaciencia”

Falamos con Dores Sánchez de toponimia, normalización lingüística e, por suposto, de Sermos Galiza.

doressanchez

O semanario ten a súa razón de ser, sempre que consiga que as lectoras e os lectores agarden a súa saída cada semana con impaciencia. Hai que procurar conseguir iso.” Quen así se expresa é Dores Sánchez Alegre,  A Baña-A Coruña. Licenciada en Filoloxía Hispánica, especialidade de Galego-Portugués, pola Universidade da Coruña. Activista da AC Alexandre Bóveda da Coruña, da Federación de Asociacións Culturais Galegas, da Mesa pola Normalización Lingüística, da asociación veciñal Oza-Gaiteira-Os Castros, desde 2007 forma parte da directiva da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua. É técnica de normalización lingüística da Deputación da Coruña desde 2003.

A primeira cuestión,  para fixarmos a súa orixe: A Baña ou Avaña? E en consecuencia, é vostede unha “avañense”  ou unha “bañense”

“Avañense” de corazón, claro, mais polo Decreto 189 /2003,  que aprobou o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia da Coruña, son “bañense”. O topónimo Avania aparece documentado desde 1153 e, daquela forma orixinal,  a denominación hoxe tería que ser Avaña.
Mais, froito do proceso de castelanización de topónimos totalmente alleo á evolución natural etimolóxica, sufriu a segmentación da vogal inicial "A", ao ser tomada como artigo singular feminino e ser traducida por "La", estes falsos cortes tamén tiveron lugar noutros topónimos galegos, como Ogrobe ("El Grove") ou Agolada ("La Golada"). Coa Lei de normalización lingüística que dispón no seu artigo 10 que “os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega”  dáse un proceso de regaleguización de "La Baña" para A Baña, en vez de para Avaña.

Polo seu traballo estará vostede ben afeita a estes procesos de castelanización de topónimos,  totalmente alleo á evolución do galego...

Certamente. A toponimia ou os nomes dos lugares forman parte do patrimonio cultural do país, é a vinculación histórica do pobo coa súa xeografía e haina que respectar. Débense evitar as deturpacións que aínda se poden ver e restituír as formas lexítimas. A incorporación da lingua á administración non é todo o satisfactorio que cabería agardar. Hai unha lexislación lingüística de obrigado cumprimento, mais moitas veces nin sequera se cumpren eses mínimos. A administración debería dar exemplo, mais non é así.

Vostede ten analisado as contribucións das distintas institucións sociais ao proceso de normalización lingüística na segunda metade do século pasado. Como resumiría esa contribución? Ou en que a centraría? Cal é para vostede a institución que máis ten contribuído neste proceso?

A proliferación de partidos políticos logo da morte do xeneral Franco, a creación do novo Estado Español, o nacemento de todo tipo de sindicatos (agrarios, proletarios e de estudantes) e o labor levado a cabo polas distintas asociacións culturais e lingüísticas na defensa da lingua contribúen decisivamente na normalización da lingua.

Todos eles son valiosísimos actores da política lingüística non institucional desde os anos sesenta até hoxe e xogaron, en definitiva, un papel fundamental na nosa historia máis recente. Aí están os cartaces, os folletos, as campañas de promoción social da lingua, as múltiples revistas publicadas e as innumerábeis accións reivindicativas a prol da lingua que o testemuñan.

Que papel ten nese proceso a prensa escrita?

Importantísimo. Nese momento, e hoxe aínda máis, os medios de comunicación actúan sobre a sociedade. Permiten saber como somos e como vivimos, mais tamén como nos expresamos, a lingua que usamos. Na década dos 60 contribúe firmemente ao proceso de estandarización da lingua e á fixación da norma.  A prensa escrita terá que actualizar o seu formato e o seu contido, mais sempre terá un oco na sociedade. Non é probábel que desapareza, nin sería positivo.

Sermos Galiza é agora, infelizmente, o único semanario en galego. Que valoracións faría desta realidade?

Dá unha idea de como está o noso país, dos escasos instrumentos que temos para a defensa da nosa identidade como pobo, e tamén, máis unha vez, queda claro que en Galiza infelizmente nin sequera hai unha certa burguesía que defenda medios de comunicación con visión de país. A prensa que se edita na Galiza cada vez é máis allea e mesmo máis hostil a un proxecto político de país.

É vostede máis partidaria do Sermos Galiza diario dixital ou do semanario?

Penso que co diario dixital se pode chegar máis axiña e a moito máis público, e de sectores moi diversos. Non obstante, o semanario ten a súa razón de ser, sempre que consiga que as lectoras e os lectores agarden a súa saída cada semana con impaciencia. Hai que procurar conseguir iso.

Hai quen prognostica a desaparición dos textos xornalísticos impresos. Vostede que razóns daría para a permanencia da imprensa escrita en galego?

O xornal impreso, igual que o libro impreso, sempre van estar aí. É normal que sufra o impacto da prensa dixital, mais é difícil contemplar unha sociedade viva e dinámica que non aposte tamén pola prensa escrita. En canto á prensa escrita en galego forma parte xa da nosa tradición histórica e nunca faltarán sectores sociais ilustrados que a apoien decididamente.

Sermos Galiza é un medio en construción que necesita ser máis coñecido. Que medidas se lle ocorren para esa popularización necesaria?

Ademais de mellorar no posíbel o contido, que sempre se pode mellorar, creo que habería que repensar o prezo. Ao mellor o xornalismo de opinión e de investigación é compatíbel cunha periodicidade quincenal, e para unha persoa que pode estar interesada neste tipo de xornal non é o mesmo 5 euros cada quince días que 3,50 euros cada semana.

Que bota en falta en Sermos Galiza?

Máis espazo para o xornalismo de investigación ou para o debate e algunhas columnas fixas de certos persoeiros, buscando sempre a pluralidade de opinións.

Para finalizar, que titular, ou que nova, gustaría de ver na capa de Sermos Galiza?

“O nacionalismo galego dá pasos firmes para a reconstrución da súa unidade”

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios