O NúMERO 129 LEVA UN A FONDO SOBRE INTERSEXUALIDADE

Sermos sae esta quinta feira con 48 páxinas, ao incluír a segunda entrega de Somos Galego

Sermos Galiza, o único semanario en lingua galega, oferecerá esta quinta feira dous suplementos, o A FONDO e Somos Galego, editado conxuntamente coa Mesa pola Normalización Lingüística.

Capa

Sermos Galiza continúa alargando a súa oferta informativa. Ao chegar ao seu número 129, esta semana Sermos oferece ás leitoras e leitores 48 páxinas, incluíndo dous suplementos, o seu caderno de análise A FONDO -desta volta coordenado por María Lameiras e que se debruzará sobre a intersexualidade- e a segunda entrega de Somos Galego, o suplemento elaborado conxuntamente coa Mesa pola Normalización Lingüística.

Somos Galego, entre outros asuntos, abordará o recente estudo do Instituto Galego de Estatística sobre a nosa lingua, ben como a manifestación que o 8 de Febreiro, e en demanda dunha nova política lingüística, convoca Queremos Galego en Santiago de Compostela.

O suplemento editado como froito da colaboración entre Sermos Galiza e a Mesa pola Normalización Lingüística noticiará tamén que esta organización de defensa da lingua galega se dirixiu recentemente ás forzas políticas galegas para que, co horizonte posto nas eleccións municipais de maio, incorporasen compromisos programáticos para normalizar o galego nos concellos do país.

Sermos Galiza chegará aos quiosques esta quinta feira, mas xa estará disponíbel esta cuarta feira á noite na nosa loxa.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios