"Sermos Galiza puxo voz a moitos colectivos e asociacións"

Antía Ínsua é veciña da Costa da Morte, unha das comarcas protagonistas dalgunhas das informacións recollidas no Sermos Galiza do último ano, nomeadamente pola desaparición do Monte Pindo. Leitora habitual do semanario en papel di botar de menos "unha sección de comarcas". 

antia
photo_camera [Imaxe cedida pola entrevistada]

Antía Ínsua é estudante de deseño e secretaria da Asociación Universidade popular na Costa da Morte. Recoñece que le o Sermos Galiza en papel cada semana porque achega "información real e contrastada" que, di, "non se pode atopar noutros xornais". Embora ser usuaria das redes sociais e das novas tecnoloxías, Antía declárase leitora en papel porque "gosto de pasar as páxinas". 

Estamos a piques de cumprir dous anos, cales son os aspectos que máis valoras de Sermos Galiza?
Valoro moi positivamente a subscrición para xente moza. Gosto de mercar o Sermos e mesmo ás veces me dá rabia non ter máis follas que pasar. Coido que achegades información real e contrastada que non se pode atopar noutros xornais. Neste senso, agrádame ler sobre deporte feminino. Cando eu facía remo chegamos a ser quintas a nivel estatal e só o debiamos saber nós e a nosa familia. É importante o traballo que facedes por tentar dar pulo a outros deportes que non sexan fútbol e baloncesto, sobre todo no papel. Asemade, creo que facedes un bo traballo nas redes sociais e alédame ver que tedes unha oferta para subscritores menores de 30, así máis xente poderá acceder ao semanario.

"Gostaría de que houber máis artigos de opinión de xente nova, os maiores tamén deberían aprender dos máis novos"

E os erros?
Boto de menos a sección de Deseño e moda porque creo que lle dá un toque heteroxéneo ao xornal. Tamén gostaría de que houber máis artigos de opinión de xente nova, non só de temas políticos, porque creo que estamos a viver un momento en que os maiores deberían aprender, tamén, dos máis novos. Aliás, teño a espiña cravada das seccións comarcais. Na Costa da Morte hai bastantes bares que teñen o Sermos, se tiver esa sección coido que tería máis leitores. 

Cal é o aspecto que máis valoras do proxecto?
Puxéstedes voz a moitos colectivos e asociacións. Quer xuvenís, quer feministas, por exemplo. Sermos Galiza danos un espazo para ver que existimos. 

Estamos lanzando o Sermos Galiza a través da loxa, en formato dixital e a un prezo máis reducido, como o ves?
A xente moza le en formato dixital, cada vez máis. No ordenador, na tablet, no móbil... mais eu gosto aínda do papel. Pasar as páxinas, ir para atrás e cara adiante. É bastante positivo que esteades nos quiosques porque a imprensa está a desaparecer. 

Somos o único semanario en lingua galega...
O outro día comentábame unha libreira da Coruña que estaban a mercarlle varios exemplares do Sermos para facer traballos no instituto como os que facía eu nos que avaliar a situación da lingua na imprensa. Xa daquela era nefasto. Só estaba A Nosa Terra. Gosto do traballo que está a facer o Sermos pola lingua e polo país. 

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios