Sermos Galiza estrea Caderno de Verán

Sermos Galiza estrea esta quinta feita caderno de verán, con reportaxes, entrevistas, narrativa erótica, un relato inédito en entregas de Xabier P. Docampo e nova sección de Xurxo Souto. 

Non será un caderno de verán ao uso. Lonxe da frivolidade de certos suplementos ao uso mais tamén dos caderniños conformados a golpe de temas de neveira, segundo explica o seu coordenador, o xornalista Rodri Suárez. O Caderno de Agosto de Sermos Galiza quere por en valor a cultura máis dinámica e popular. Abrimos, nesta ocasión, cunha reportaxe na poñemos o foco na presenza, ou máis ben ausencia, da música en galego nos abondosos festexos do verán, e facemos guía tanto de festivais míticos como de novas iniciativas que poñen en valor a lingua e a creación propia.

Un pobo de artistas

Moi en relación coa nosa música e cas e cos nosos músicos está a nova sección de Xurxo Souto, "Somos un pobo de artistas", que nesta ocasión recupera historias e anécdotas das nosas bandas en ruta. "Os principais sufridores dos quince mil desleixos da rede viaria galega foron historicamente os músicos, que mesmo crearon un termo para se referir ás festas de difícil acceso: as lomas. Lomas haberá pero o músico sempre chega. O que non está tan claro é cando", expón con humor Souto.

Petiscos literarios

Será o Caderno de Agosto un suplemento con importante carga literaria. Xabier P. Docampo publica a primeira parte do relato que sairá en cinco entregas no novo suplemento de Sermos. Tamén haberá apartado para o relato erótico. Quen o escribe, que adopta o pseudónimo de Pepe de Pura, caracteriza a serie como traballo de repórter e costumismo sexual. Ambos os dous relatos son ilustrados por Dinamita.

Conversas entre a naturalidade e o humor

Haberá tamén lugar para as entrevistas, a cargo do xornalista Rodri Suárez, coordenador do suplemento, que tamén asinará unha columna de opinión. Serán conversas caracterizadas pola naturalidade e o humor. Nesta primeira, a poeta Lucía Aldao confesa as súas paixóns festeiras.

A contracapa descubriranos o valor emocional que  certos lugares teñen para persoas que nos son coñecidas. Nesta ocasión, a actriz Isabel Risco fala da súa ligazón coa aldea mariñeira de Fontán.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios