MIGUEL FERNÁNDEZ LORES, ALCALDE DE PONTEDRA

“Sabiamos que Pontevedra era un diamante en bruto con moitísimas posibilidades”

Alcalde de Pontevedra dende 1999, é a cara visible dun  modelo de cidade recoñecido alén das nosas fronteiras. Entrevistámolo para o A Fondo desta semana.

-A cidade premiada no mundo é a que imaxinaba cando chegou a alcaldía hai  quince anos?

- Tiñamos moi traballado o que queriamos para a cidade. Sabiamos que Pontevedra era un “diamante en bruto” con moitísimas posibilidades.  Acórdome  ben de cales eran as nosas ideas: partir do que somos, non temos que ser o que non somos; poñer en valor o noso; incorporar cuestións que se estaban facendo polo mundo pero cos pés postos no noso. E fixemos o que tiñamos que facer: primeiro recuperar o casco histórico, como activo é o atractivo máis importante; segundo ocuparnos do río Lérez, a cuestión do saneamento e facer todas as actuacións urbanas para vivir de cara ao río, recuperar os espazos naturais e facer de Pontevedra unha cidade para as persoas.

-Como definiría a día de hoxe a cidade de Pontevedra?

-Pontevedra para min é unha “xoia”. É de tamaño humano, tan acolledora, tan receptiva, agradábel... É unha xoia dende o punto de vista da cohesión social, da convivencia… Iso por un lado, e por outro hai moito feito pero quedan moitas cousas por facer.

-Cales son esas cousas que quedan por facer?

- Temos que ampliar os estándares de calidade urbanos que xa están en boa parte da cidade,  a todos os barrios e as parroquias. Tamén está pendente o do tratamento do lixo, a  recuperación da materia orgánica coa futura planta de compostaxe e a súa utilización para  recuperar os espazos naturais, os nosos montes, o solo rústico e agrario, a terra. Algo avanzamos despois dos incendios do 2006 co programa  Monte Vivo.

“Todas as cidades están posicionándose, e  nós facémolo cunha  cidade amable, atractiva, apetecible para pasear, para vivir, para criar fillos, para celebrar  eventos congresuais, deportivos, culturais…"

-Ao largo destes quince anos de transformación, onde estiveron os principais obstáculos?

-Eu creo que houbo unha colaboración maioritaria da cidadanía ben axiña, se non non sería posible levar adiante a transformación: axudaron os funcionarios, persoas que tiñan unha concepción do mundo avanzado e a sociedade pontevedresa que fixo seu o modelo proposto. A oposición veu sobre todo dos políticos e de xente que cría que ía a perder privilexios. Segue habendo uns irredutibles pero non podemos estar gobernando para sectores minoritarios, individualistas e que só miran o seu.

-Onde está a clave do éxito do modelo de cidade?

-A clave do éxito está na percepción de mellora que significa para a grande maioría dos cidadáns vivir nunha cidade como Pontevedra. Son cada vez máis conscientes de que están vivindo nunha cidade de alta calidade urbana, apetecible, unha cidade que ten futuro. A día de hoxe é a única  que segue medrando en Galicia, segue con saldo vexetativo positivo a pesar de que se marchou moita xente, que a situación económica está fastidiada, que, como noutras partes,  non hai traballo… pero a vantaxe comparativa lla dá o modelo de cidade. Se eu podo decidir onde vivir, pois eu vivo en Pontevedra.

- Se votamos a mirada atrás, nestes quince anos houbo algunha cousa que non puido saír adiante, que quedou no camiño?

-Un exemplo: o mercado. Tiña que ter sido un elemento de dinamización e non puido ser. O mercado é un gran centro comercial urbano, renovado, con aparcamento ao lado… pero non foi posible sacarlle a máxima rendibilidade. Aquí cambiamos o continente pero non fomos quen  de cambiar o contido, a mentalidade, fracasou o intento de darlle unha volta a ese activo pero coa corresponsabilidade de todos os implicados. Máis o gran tem a pendente é o saneamento da ría e o traslado de Ence. Falta lealdade institucional e colaboración doutras administracións como a Xunta nestas cuestión.

-Pensa que os recoñecementos á cidade pode mudar a relación coas administracións non colaboradoras?

-Estes recoñecementos son un activo impo  rtante cara ao futuro, significan un posicionamento da cidade, da marca Pontevedra,  que nos traerá moito retorno. Todas as cidades están posicionándose, e  nós facémolo cunha  cidade amable, atractiva, apetecible para pasear e para vivir, para criar fillos, para celebrar  eventos congresuais, deportivos, culturais…

-É a  nosa cidade un modelo  exportable?

-Cidades pequenas e medianas poderán inspirarse en Pontevedra pero  terán que adaptarse  ao seu. O Premio ONU-Habitat é porque é exportable. Hai un problema gravísimo co tráfico,  coa contaminación dos ríos, as emisións de CO2 dos coches, o ruído… Nós temos estes máis ou menos resoltos. Tamén está o  tema da seguridade viaria, da convivencia de peóns, ciclistas e coches, … Non é asumible vivir nunha cidade cun número importante de mortos, feridos e danos polo tráfico, nunha cidade agresiva, non saudábel. A nosa é unha cidade cohesionada, nós avanzamos moito nesta liña.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios