ROCÍO PEREIRA COORDENA O A FONDO SOBRE PONTE NAS ONDAS!

"A concesión do Premio Ondas non tivo o eco que debería ter en Galiza"

Ponte nas Ondas! leva dúas décadas facendo da Raia tendido comunicativo. Agora traballa nunha nova candidatura do patrimonio inmaterial galego portugués á Unesco.

Rocío Pereira

En 1995, en paralelo á inauguración da ponte entre Salvaterra e Monçao, botaba a andar Ponte nas Ondas! (PNO!), un proxecto radiofónico desenvolvido por varios concellos dun e doutro lado da Raia. Dende entón, non parou de tender arañeiras comunicativas sobre o Miño. Dela falamos no noso A Fondo, que, conxuntamente co número 128 de Sermos Galiza, sairá nesta quinta feira baixo a coordenación de Rocío Pereira e de Santi Veloso.

-Neste 2014, recibistes o Premio Ondas á mellor cobertura informativa e celebrastes a emisión número 20 de Ponte nas Ondas!  Este 2015, tamén promete ser especial…

-Para Ponte nas Ondas este ano que pechamos foi especial fundamentalmente porque a experiencia fixo 20 anos. Ninguén no ano 95 pensaba que se puidera manter unha xornada e un proxecto destas características tanto tempo, que comezou como algo experimental e que requiría de tantas mans para poder levalo a cabo, por parte do alumnado, dos mestres, das emisoras de radio... Rematou coa concesión do premio Ondas, que supuxo un recoñecemento a todo este traballo, aínda que a categoría na que se recibiu non é a máis adecuada, porque non é un programa informativo senón unha experiencia que utiliza a radio para aprender. O 2015 vai ser un ano de novos retos, de recuperar a loita pola inclusión do patrimonio inmaterial galego portugués na lista representativa do patrimonio cultural da UNESCO.

-Referídevos, na introdución deste A Fondo, ao silenciamento dos medios galegos da concesión do Premio Ondas a PNO! Como se manifestou?

-As candidaturas dos premios Ondas adoitan saír nas capas dos xornais dixitais e na prensa escrita, mais aquí non vimos que tivera unha repercusión tan importante para PNO! Consideramos que foi silenciado porque non percibimos ese eco que debería ter o premio aquí en Galiza, cando coido que todo o mundo debería estar presumindo de que profesorado, alumnado e centros educativos de Galiza recibisen un premio de radio.

"Consideramos que a concesión do premio Ondas a PNO! foi silenciado porque non percibimos ese eco que debería ter o premio aquí en Galiza"

-A que cres que é debido?

-Na miña opinión, non se valora o suficiente o que isto significa. É o recoñecemento a vinte anos de traballo. Doe que, cando lle concede un premio a Ponte nas Ondas, polo feito de que na candidatura apareza Xurxo Souto como un director, porque tiña que aparecer un director, se considere que foi Xurxo Souto quen recibiu o premio. Ao mellor temos que entoar o mea culpa e pensar que non soubemos comunicar o traballo de Ponte nas Ondas!.

-Intentastes hai dez anos conseguir a inclusión na lista representativa do patrimonio inmaterial da UNESCO. Será esta vez a vencida?

-É un proceso que require de diplomacia e burocracia. Nesta segunda vez xa contamos con máis experiencia para traballar nos ámbitos onde antes se fallou.

-En que se fallou entón?

-A competencia era moita: 60 candidaturas para un recoñecemento e calquera cousa podía ser crucial. Na nosa candidatura cremos que houbo unha frase que puido prexudicar, a que figuraba no informe do Ministerio de Cultura de Portugal onde manifestaban a dificultade de controlar o conxunto de manifestacións inmateriais  do patrimonio, de modo que o plan de acción puido parecer pouco definido. Desta volta habemos prestar máis atención aínda a cada pequeno paso que se dea porque todo suma ao final. Con todo, o máis importante é o apoio da sociedade civil galega e portuguesa porque a Unesco ten que detectar un clamor maioritario na defensa da inscrición.

"O máis importante é o apoio da sociedade civil galega e portuguesa porque a Unesco ten que detectar un clamor maioritario na defensa da inscrición."

-Con que apoios contades?

-Contamos co respaldo do Consello da Cultura Galega, do goberno de Portugal e da Xunta de Galicia, que manifestou o seu apoio explícito coa presenza de Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores e Unión Europea, dependente da Consellería de Presidencia, e coa presenza do director xeral de Política Lingüística, Valentín García, na presentación oficial da candidatura na sede do Consello da Cultura Galega, en outubro do ano pasado. Ademais, a Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal e o Goberno Luso están plenamente decididos a remar xuntos nesta nova campaña.

-Que enfoque lle ides dar a este A Fondo sobre Ponte nas Ondas?

-Aproveitando a oportunidade enorme que supón contar con varias páxinas para falar dun traballo que vimos facendo durante todo tempo, quixemos tratar os distintos aspectos que abrangue Ponte nas Ondas: alumnado, profesorado, o valor etnográfico, o pedagóxico...

"Todo o mundo pode apoiar a candidatura á UNESCO a través da web www.opatrimonio.org"

-Ponte nas Ondas! destaca pala colaboración de persoas expertas en varias áreas, e delas botastes man neste A Fondo...

-Contamos coas figuras de Álvaro Campelo e Xosé María González Reboredo para falar dos elementos etnográficos que unen a dúas culturas cunha mesma orixe. A parte educativa foi abordada por Xosé Manuel Cid. Uxía, colaboradora de sempre de Ponte nas Ondas, reflectiu o punto de vista musical, tan importante en PNO! Entrevistamos, así mesmo, a Lourdes Carita, implicada en PNO! dende o principio e, na actualidade, presidenta da Associação Cultural e Pedagógica Ponte...nas ondas! em Portugal, para que nos falase do que se fixo e do que queda por facer en PNO!

-Ponte nas Ondas! conta xa cunha canteira de xornalistas, coma ti, que viviron neste proxecto o seu primeiro contacto coa radio...

-Eu estudei nun colexio moi pequeno, modesto, nunha parroquia de Salvaterra con 800 habitantes. Facer un programa de radio foi para nós un espectáculo e unha ilusión tremenda. Supuxo abrir os ollos a un mundo totalmente novo. No meu caso e no doutras persoas, ese primeiro contacto coa radio espertou unha especie de vermiño. Mais iso tamén pasou con xente que hoxe en día está estudando música e que no seu momento tivo oportunidade de entrevistar a Budiño a través de PNO! ou de falar con Uxía.

"O profesorado está sometido a moito traballo. Non sempre hai profesorado para cubrir as baixas, teñen que asumir novas materias, e PNO! suponlles un esforzo engadido. Con todo, tamén lles serve para traballar doutra maneira co alumnado."

-Que retos ten por diante Ponte nas Ondas!?

-O reto material máis importante é traballar pola candidatura do patrimonio inmaterial galego portugués para que sexa inscrita na lista representativa da UNESCO. Para iso hai que traballar moito solicitando todos os apoios necesarios por parte dos estados, do estado portugués e do goberno galego. Todo o mundo pode facelo, porque hai unha páxina web, www.opatrimonio.org, na que se pode asinar.

-E no caso da xornada anual sobre comunicación, cales son os retos?

-Hai que traballar para seguir mantendo a ilusión dos centros. Suponlles moito traballo preparar unha xornada así. O profesorado hoxe en día está sometido a moito traballo. As circunstancias son as que son, non sempre hai profesorado para cubrir nas baixas, teñen que asumir novas materias, e PNO! suponlles un esforzo engadido. Con todo, tamén lles serve para traballar doutra maneira co alumnado. Hai que saber valorar o esforzo que lles supón, seguir mantendo a ilusión dos nenos, e conseguir que o mundo da cultura siga tamén implicado con nós. Como tirón de orellas para nós, comunicar máis e mellor e chamar a máis portas nos medios de comunicación

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios