MARíA REIMóNDEZ, COORDENADORA DESTE A FONDO

"Resulta preocupante que a imaxe que quede do tsunami sexa ʻLo imposibleʼ"

A lembranza da traxedia ficou cribada polo espello occidental. No próximo A Fondo, elaborado na súa maior parte dende Tamil Nadu, imos alén. Esta quinta feira 18 de decembro, nos quiosques do país.

-Dez anos despois, semella que as rexións afectadas polo tsunami quedaron de novo no esquecemento informativo...

-En xeral, este tipo de cuestións padecen a enfermidade xeral da tónica xornalística actual, o curtopracismo. As cousas só  interesan en períodos de tempos moi curtos aínda que afecten a vida das persoas en períodos de tempos moi longos. E isto ten unha interacción perniciosa coas propias dinámicas do traballo en cooperación. No momento en que deixa de haber interese informativo, parece que estas persoas deixan de existir tamén para as propias organizacións. Hai, por debaixo destas situacións, un problema de pobreza previo que xa estaba aí e que hai que seguir traballando. Non remata cando as cousas deixan de ser noticia.

-De feito, destacades no A Fondo que o desastre que provocou o tsunami tería sido facilmente evitábel, e isto ten que ver co problema estrutural de base, a pobreza…

-Nós, xa cando aconteceu o tsunami, renegamos do concepto catástrofe natural. A catástrofe non foi provocada polo evento natural en si, senón por todas as circunstancias preexistentes, sobre todo cando falamos dos países e dos colectivos de persoas máis afectadas. Para nós resulta moi preocupante que, dez anos despois, a imaxe que queda do tsunami sexa Lo imposible [filme español producido en 2012 e dirixido por Juan Antonio Bayona], a visión de persoas occidentais, cando a maioría das persoas que morreron vivían en zonas empobrecidas como ben contan as protagonistas neste A Fondo.

"Sobrevivir ao tsunami é unha cuestión nada complexa. Bastaba con estar a 500 metros da costa. A poboación poderíase ter evacuado sen ningún problema."

-Mais tamén, por tras do feito de que o tsunami tivese efectos tan devastadores, hai unha cuestión de neglixencia por parte dos países ricos, como así resaltades no A Fondo…

-Houbo neglixencia por parte dos países ricos que tiñan os recursos para detectar coa tecnoloxía un evento desta magnitude, á hora de informar os países que ía recibir os seus efectos. A onda, no caso da India, tardou moito tempo en chegar, pero ninguén avisou. Sobrevivir ao tsunami é unha cuestión nada complexa. Bastaba con estar a 500 metros da costa. A poboación poderíase ter evacuado sen ningún problema.

-Hoxe en día, se o tsunami se repetise, volvería ter os efectos tan devastadores que tivo no seu momento? Cambiou algo nestes dez anos?

-Eu creo que si cambiou, pero por responsabilidade dos gobernos e das sociedades civís dos países afectados. E falo exclusivamente da India, porque non coñezo como está a situación noutros países. Primeiro, xa o goberno está máis atento a ter acceso a esa información xeolóxica. E, segundo, a poboación está máis informada. Tralo tsunami, a información foi un dos aspectos máis importantes do apoio psicolóxico dado o medo da xente a que se repetise. Mais, canto ás condicións de vida das persoas antes do tsunami e agora, o traballo de Implicadas marca bastante a diferenza con respecto a outras organizacións.

A vida despois do tsunami

-En que medida o voso traballo foi máis aló da emerxencia?

-Houbo un período de emerxencia, como ben se explica neste A Fondo, nos primeiros momentos, pero non nos quedamos na idea asistencial que adoptan a maioría das organizacións, que adoita durar o período de tempo que duran os fondos, que á súa vez acostuma a ser o mesmo que o período de tempo en que se é noticia. Unha vez que hai casas, latrinas, e bombas de auga, unha vez que houbo restitución de datos, as organizacións que traballan con este tipo de enfoque acaban o seu traballo, e as persoas afectadas quedan ao pairo. A  nosa forma de traballar é totalmente antagónica a iso e ten presente os principios de participación e os obxectivos de independencia das comunidades, e en particular das mulleres, unha vez chegan a unha situación na que apoio externo deixa de ser necesario. Para iso traballas.

-O A Fondo está na súa maior parte elaborado dende unha das propias zonas afectadas polo tsunami, Karaikal, zona costeira do sur da India, onde Implicadas desenvolveu o seu traballo de cooperación xunto coa súa contraparte, PDI. Que persoas colaboran?

-Isto tamén está na cerna do traballo de Implicadas. Que as propias persoas poidan ter a súa voz e facelo cunha diversidade de enfoques. O A Fondo inclúe a visión interna das propias mulleres que formaron parte do programa, que participaron nunha xornada de debate na que fixeron a súa propia análise. Temos tamén a visión das persoas que traballamos con elas. E incluímos, ademais, unha visión externa, a de Kutty Revathi, escritora e activista feminista tamil a quen convidamos a visitar Karaikal e dar a súa propia ollada.

"Cuestións como dar as axudas ao cabeza de familia provocaba desequilibrio de poder, que as mulleres non tiveran acceso a eses cartos"

-Que contidos son piar deste A Fondo?

-Primeiramente trátase o aspecto humano, que moitas veces queda obviado ou utilizado dende un enfoque sensacionalista. Tamén se aborda o traballo dos primeiros momentos, que foi o que fixo Implicadas de maneira distinta a outras organizacións, e  o resultado deses procesos a longo prazo, o que pasa despois dese momento de emerxencia, cando xa a atención mediática non está aí.

-Unha das mulleres que protagonizan o A Fondo di que a súa situación incluso mellorou despois do tsunami…

-Iso é un dos resultados do traballo de implicadas, fronte á outras organizacións. Xa no momento da emerxencia, había certos aspectos de xénero que se pasaron por alto, tanto por parte das organizacións como do goberno. Cuestións como dar as axudas ao cabeza de familia provocaba desequilibrio de poder, que as mulleres non tiveran acceso a eses cartos. Esta muller non fala dunha mellora de vida debido ao tsunami, senón debido ao tipo de traballo que se fixo dende Implicadas en Karaikal. Se as entrevistas que fixemos para este A Fondo as tiveramos realizado noutras poboacións costeiras de Tamil Nadu, estou segura de que a poboación diría que as condicións de vida non melloraron. Se non se traballa dende un enfoque coma o noso, crítico e feminista, moitas veces o que se fai é reforzar as estruturas de desigualdade.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios